O PSOE de Valga denuncia "enchufismo" e "actitudes pouco democráticas" do PP no concello

O grupo socialista alerta de "conflito de intereses" ao presentarse unha concelleira popular a un proceso que xestiona o propio consistorio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2022 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O grupo socialista de Valga vén de presentar unha queixa formal no Concello de Valga, gobernado polo PP, pola presentación da Concelleira de Turismo, Magdalena Isorna, a unha praza no Obradoiro dual de emprego Ulla-Umia que organizan os Concellos de Valga e de Moraña. 

Concello de Valga
Concello de Valga | Fonte: paxinasgalegas

"A concelleira exerce un cargo público con asignación de soldo público (dedicación parcial), e neste proceso onde forman parte do tribunal funcionarios e políticos dos concellos organizadores pódese incurrir en conflito de intereses", sinala o grupo socialista, que entende que "pode estar en perigo a imparcialidade do tribunal".

Segundo explica nun comunicado, "o concello de Valga e a propia concelleira deberían velar pola imaxe e pola reputación da institución pública". "Que un cargo público se presente a un proceso que xestiona o seu concello é un dano ao prestixio e á súa imaxe pública", sentenzan. Por iso, o PSOE pide á concelleira e ó goberno local de Valga "exemplaridade" e que se retire do proceso.

Dende o grupo socialista tamén denuncian que o Concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, "forma parte do equipo de Radio Valga á vez que dispón dunha adicación parcial con asignación de soldo público", unha situación que, explican, "provoca dentro da radio pública unha total falta de imparcialidade nas entrevistas que o concelleiro popular lle ten feito ao alcalde de Valga". 

Este tipo de condutas, proseguen, son "totalmente reprobables", polo que esixen que "cesen" para "impedir que a imaxe do noso concello se asocie a dedazos, a enchufismo e a actitudes pouco democráticas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta