Catro actuacións para adaptar as cidades ás ondas de calor causadas polo cambio climático

A comunidade experta propón accións para combater o aumento da pobreza e a desigualdade social ocasionadas pola deterioración ambiental.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O último informe do Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC), chamado 'Cambio climático 2022: impactos, adaptación e vulnerabilidade', mostrou os últimos datos sobre as alteracións que está a producir o quecemento global e que cambios bruscos poden esperarse a curto prazo. Unha das evidencias é que entre 3.300 e 3.600 millóns de persoas viven en contextos altamente vulnerables ao cambio climático, e que o quecemento global, que alcanzará os 1,5 °C a curto prazo, provocará perigos climáticos e múltiples riscos para os ecosistemas e os seres humanos.

Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense. Rosa Veiga - Europa Press
Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense. Rosa Veiga - Europa Press

Que podemos facer ante o que xa é unha realidade? "Por unha banda, falamos de estratexias de mitigación do cambio climático desde as cidades, dado que unha parte importante das emisións globais se producen en contextos urbanos. Neste sentido, o reto está en buscar medidas enfocadas a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de distintas actividades que teñen lugar nas cidades e que supoñen emisións directas ou indirectas, con especial énfase na mobilidade, o consumo enerxético dos fogares ou dos equipamentos públicos", explica Hug March, profesor dos Estudos de Economía e Empresa da UOC.

"En segundo lugar, un tema cada vez máis recorrente nas políticas públicas urbanas é o da adaptación aos efectos do cambio climático. Un dos que máis notamos no plano urbano é a intensificación e aumento na recurrencia das ondas de calor e do número de noites tropicais ou tórridas, ademais da recurrencia da seca e as inundacións ligadas a réximes máis extremos de precipitación ou, nas xeografías costeiras, o incremento do nivel do mar e a afectación a infraestruturas básicas e sector residencial", engade o profesor da UOC.

Ademais, como explica o catedrático da Universidade de Sevilla Leandro del Moral, o proceso de cambio climático coincide e relaciónase con dinámicas de aumento da pobreza, desigualdade social e a consecuente acentuación da vulnerabilidade social, "o que require concreción e operatividade das formulacións de equidade e transición xusta que hai que aplicar, e que afecta especialmente á capacidade das persoas de afrontar os riscos relacionados coas ondas de calor".

Na súa opinión, afrontar o proceso de cambio climático con perspectivas de mitigación e adaptación require unha reordenación do conxunto das políticas urbanas (enerxía, mobilidade, abastecementos, estratexias de desenvolvemento económico). Entre as medidas que cita, atópanse as seguintes:

1. Adaptación climática e mellora ambiental dos espazos públicos: incrementar as áreas sombreadas, con especies adecuadas e ben distribuídas no espazo, ademais de aumentar a presenza de auga con fontes para beber.

2. Creación dunha rede de espazos de refuxio e encontro en edificios públicos (bibliotecas, centros cívicos...) que cubran o incremento de necesidades por episodios de calor, xunto coa aplicación da normativa de bioclimatización para centros educativos, para convertelos en pulmóns verdes e refuxios climáticos.

3. Rehabilitación do parque de vivendas para mellorar as súas condicións de habitabilidade e confort térmico, para asegurar subministracións aos fogares vulnerables durante ondas de calor con garantía de mínimo vital de auga e enerxía, e para acompañar á poboación excluída socialmente para acceder a axudas.

4- Mellora do coñecemento, sensibilización e comunicación e aspectos normativos, o que implica a formación e sensibilización para a poboación sobre que facer en caso de onda de calor, xunto con campañas de visibilización da pobreza enerxética e os seus impactos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta