Crónicas desde a guerra: Coñecendo o terror e as cicatrices de Izium

A reporteira galega Miriam González está en zona de guerra. Trasladouse a Izium, onde investigadores ucraínos toman os territorios liberados de Kharkiv para documentar os presuntos crimes de guerra cometidos polo exército ruso. O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, informou da aparición de “dúas fosas comúns máis, con centos de persoas”, onde xa se exhumaron 447 corpos nun enterramento masivo cerca do cemiterio.

Por Miriam González | Izium, Ucraína | 28/09/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os equipos especiais de forenses e policías traballaron sen descanso ata conseguir desenterrar os máis de 440 cadáveres que atoparon nun bosque dos arrabaldes da estratéxica cidade de Izium. Os restos pertencen a 215 mulleres, 194 homes, 5 nenos e 22 militares, segundo afirman as autoridades do país. Varias fileiras de cruces están levantadas no lugar no que foron soterrados os defuntos. Algunhas tiñan escrito o nome, apelido e patronímico ademais da data de falecemento. Noutros casos a única pista para saber quen fora sepultado alí era un simple número.

O ambiente é pesado por un cheiro implacable que inunda unha paisaxe de aparencia pacífica, pero que foi testemuña dunha procesión constante de mortos durante os seis meses que durou a ocupación rusa. As causas dos falecementos son variadas: mortes naturais, outros perderon a vida debido os ataques aéreos e da artillería rusa e tamén se rexistraron evidencias de torturas nalgúns cadáveres. “Atopamos civís cas mans atadas nas costas, con golpes e cortes en varias partes dos seus corpos. Tamén soubemos dunha muller que sufriu estas torturas”, sinala un dos forenses implicados na pescuda.

Un dos traballadores que desenterra aos cadáveres despois de colocar un corpo para ser trasladado a un laboratorio
Un dos traballadores que desenterra aos cadáveres despois de colocar un corpo para ser trasladado a un laboratorio | Fonte: Miriam González

Os técnicos móvense entre as sepulturas improvisadas, sacan os corpos da terra, recollen evidencias que axuden a identificar a estes civís, ademais de datos e probas que poidan dar información para dilucidar as causas da súa morte. O traballo non para, e estes homes e mulleres tratan de aclarar as circunstancias persoais de cada un dos enterrados o antes posible. Moitos dos familiares acoden ó sitio para chorar os seus seres queridos, buscar noticias sobre os finados e aportar mostrar do seu ADN . Aquí son recibidos polos membros das forzas de seguridade ucraína nunha carpa instalada para este propósito. Os policías destacan tamén a importancia da colaboración cidadá, non só para determinar a identidade dos falecidos, senón para descubrir outras posibles foxas comúns e lugares onde se practicaron torturas contra civís.

“Atopamos civís cas mans atadas nas costas, con golpes e cortes en varias partes dos seus corpos"

Grupos de especialistas ucraínos integrados por forenses, fiscais e persoal do departamento de Criminalística da Policía Nacional Ucraína están a realizar investigacións para “rexistrar, documentar e investigar” os posibles crimes de guerra perpetrados polos “representantes da Federación Rusa que ocuparon temporalmente territorios ucraínos”, explicaba o director do Departamento de Crimes da Policía ucraína, Ihor Malich. As condicións dos cadáveres atopados neste enterramento masivo -a maioría deles soterrados sen cadaleito- impediron identificar a totalidade das persoas, e aínda falta descubrir a identidade duns 11 corpos. Estas sepulturas improvisadas caváronse a beira do camposanto local, onde as tropas rusas tiñan establecido un posto de control. Os técnicos indicaron que houbo varias tumbas nas que se atoparon máis dun corpo.

AS CICATRICES DE IZIUM


Izium está chea de cicatrices que mostran os duros combaten que se viviron nesta localidade, chave para as forzas rusas. Dende aquí as tropas de Moscova intentaron ocupar máis territorio na rexión ucraína do Donbás. Hai bloques de edificios partidos pola metade e os camiños parecera que están sementados de cráteres. Con todo, moitos dos veciños non tiveron oportunidade de escapar e tocoulles sobrevivir durante longos meses sen luz, gas, auga e atemorizados pola presenza de soldados inimigos. Agora varias axencias de axuda humanitaria estanse desprazando ata a zona para subministrar produtos básicos a poboación. Para todos os que decidiron colaborar coas forzas de ocupación o destino é a detención por traición a patria ou o exilio a veciña cidade rusa de Bélgorod.

Máis do 30 por cento da rexión de Kharkiv, que fai fronteira coa Federación Rusa, estivo baixo o control das forzas de Moscova durante case medio ano. Nas dúas primeiras semanas de setembro o exército ucraíno levou a cabo una gran contraofensiva que empurrou ós soldados rusos arrebatándolles case a totalidade do control deste óblast.  A tropas de Ucraína retomaron máis de 8.000 quilómetros cadrados a unha gran velocidade, e o pasado 11 deste mes anunciaron que en Izium volvía a ondear a bandeira azul e amarela de Ucraína.

O SBU indicou que xa teñen identificados máis de mil soldados rusos supostos responsables destes delitos

APARECEN NOVAS "CÁMARAS DE TORTURA EN KHARKIV"

O Servizo de Seguridade de Ucraína (SBU) afirma que ata 18 cámaras de tortura foron descubertas na rexión de Kharkiv. A medida que as forzas e corpos de seguridade de Ucraína se van despregando polos territorios liberados desta rexión xorden máis posibles evidencias de crimes de guerra perpetrados polo exército ruso. O SBU indicou que xa teñen identificados máis de mil soldados rusos supostos responsables destes delitos. Tanto na cidade de Izium como en Balaklilla teñen localizados os lugares concretos onde os actos de torturas contra civís tiveron lugar. Oleksander é un dos investigadores que está a realizar a indagación na comisaría de Izium. Alí estacionáronse as forzas rusas “e realizáronse as torturas”, sinala. A investigación sobre o acontecido no interior deste edificio aínda continúa. Ata o de agora descubriuse que polo menos 20 persoas foron torturadas polos militares de Rusia. Oleksander asegura que  xa coñecen a identidade dos soldados rusos que estiveron en Izium: “Ata os nenos poderían saber quen eran rusos que estiveron aquí, moitos deixaron os seus pasaportes”. A continuación mostrou un dos pasaportes que atoparon no soto da comisaría. O soto, era precisamente onde vivían, en condicións insalubres, os militares de Moscova: “Deixaron aquí zapatos e tamén botellas de auga das que estamos tirando as mostras de ADN para identificalos” apunta o investigador policial.

Dividida por unha parede de formigón  e a carón da estancia na que os soldados ocupantes vivían, atópase unha sala na que, segundo os policías ucraínos, se realizaban as torturas. “Descargas eléctricas, golpes, interrogatorios de horas baixo potentes luces”.. eran as prácticas habituais, apuntan os investigadores. Calcúlase que polo menos 20 civís foron suxeitos de torturas nese lugar e tamén teñen a testemuña dunha muller que foi violada. Non descartan descubrir máis delitos sexuais, destacan. “Todos os militares e policías que foron detidos polas forzas rusas sufriron torturas, tamén aqueles civís que conseguiron pasar información ao exército ucraíno sobre obxectivos rusos na zona sufriron a mesmas represalias”, explica Oleksander, quen destaca outro dos casos ao que tiveron aceso os policías: “A un mozo queimáronlle a pel por ter tatuado o escudo de Ucraína”, asegura. Para que estas investigación cheguen as altas instancias dos tribunais internacionais é necesario atopar evidencias claras, que é precisamente o traballo que están a realizar agora. A propia ONU mandou expertos ao país para investigar crimes de guerra e concluíu que si se cometeron ese tipo de crimes en Ucraína.

“Todos os militares e policías que foron detidos polas forzas rusas sufriron torturas, tamén aqueles civís que conseguiron pasar información ao exército ucraíno"

Outra das batallas pendentes trala liberación é a reconstrución deste territorios. As temperaturas comezan a baixar e o executivo ucraíno vai contra reloxo para poder restaurar os suministros básicos nos territorios liberados: luz e auga. En Balaklilla, onde xa se pode viaxar en tren dende Kharkiv dende o 15 de setembro, xa hai luz e tamén puntos para acceder a internet. A seguinte localidade onte tratarán de levar electricidade é Izium.

A moral mantense alta debido aos éxitos acadados polas forzas ucraínas, pero una atmosfera de preocupación envolve a rexión de Kharkiv tralo anuncio da mobilización parcial decretada polo presidente ruso, Vladímir Putin, e a ameaza dun ataque nuclear ruso sobre o país. Con todo, os bombardeos sobre a capital rexional xa non son diarios e a poboación, aínda con tensión, no se esperta cada noite con impactos de artillería sobre a súa cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta