Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 13:42
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reiterou a súa petición á Xunta de axilizar os trámites para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Casa Cornide, na actualidade propiedade dos Franco. "Gustaríanos que a Xunta colaborase un pouquiño e non esgotasen os 24 meses que teñen para declaralo BIC senón que lle desen prioridade a este asunto se é que lles interesa", instou Rey. "Levamos esperando desde xuño do ano 2021".
A rexedora pediu ademais á familia do ditador que deixe de "dilatar, entorpecer e torpedear a necesaria reparación da memoria histórica". Inés Rey fixo estas declaracións a preguntas dos xornalistas, despois de que a entidade Defensa do Común anunciase para o 5 de novembro unha marcha cívica para reclamar a devolución ao patrimonio público do inmoble.
A alcaldesa insistiu en que foi este Executivo municipal o que iniciou os trámites para a recuperación da Casa Cornide e "será este Goberno o que presente esta demanda na que se está traballando". Respecto ao proceso de reclamación engadiu que "non é tan sinxelo, ten a súa complexidade xurídica e terá que ir ben armado para que teña éxito".
MÁXIMA PROTECCIÓN PATRIMONIAL
Neste sentido, a Xunta lembrou no seu día que a Casa Cornide goza de máxima protección patrimonial desde o 24 de maio de 2021 --data na que o Goberno autonómico iniciou o expediente BIC-- e que a normativa establece que os técnicos dispoñen de 24 meses para completar este proceso polo que o prazo legal non finalizou. O Executivo galego insiste tamén en que a declaración de BIC non impide a venda do inmoble.
Na mesma liña, a preguntas dos xornalistas sobre a recente autorización dun xulgado da Coruña de permitir aos Franco retirar bens do Pazo de Meirás sobre os que, pola súa banda, o Estado reclamou que se impida que o fagan a través dunha demanda interposta a semana pasada nos xulgados de Madrid, a alcaldesa sinalou que a familia do ditador "se segue resistindo a devolver aquilo que non é seu".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.