Pódese convivir sen perigo co gas radón en Galicia?

Galicia ocupa postos de referencia en canto estudos sobre o gas radón xa que tamén é un dos territorios con máis densidade deste elemento en todo o Estado. A influencia que pode ter este gas resulta tan importante que xa existen estudos sobre a súa incidencia nos lugares de traballo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 01/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A presenza do gas radón abrangue o 70% do territorio galego. Isto transforma Galicia, xunto co Norte de Portugal, nunha das áreas de maior concentración deste gas na Península Ibérica. De lonxe está Extremadura cun 47% do seu espazo afectado e logo segue Madrid con case o 37%. Ante estas porcentaxes cabe preguntarse se existe conciencia suficiente ante estas medicións e as posibles consecuencias que poidan ter sobre a saúde das persoas. Isto último xerou polémicas e informacións consideradas alarmistas sobre a posibilidade dunha alta incidencia do gas en determinadas áreas de Galicia e a posible relación con mortes por cancro de pulmón.

Na presentación do novo Mapa do Radón
Na presentación do novo Mapa do Radón

INVESTIGACIÓN FRONTE ALARMISMO

O 27 de setembro celebrouse o I Simposio Nacional de Radon Laboral na Facultade de Medicina da USC. Tanto a Universidade de Santiago como o Consejo de Seguridad Nuclear patrocinaron o encontro. A dirección do simposio estivo a cargo do catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Alberto Ruano. Este catedrático xunto con Xoán Miguel Barros Dios, profesor titular da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, impulsaron a creación do Laboratorio Radón de Galicia (LRG) en 2005.

O feito de que este fose o primeiro encontro en toda España sobre a influencia do radón no lugar de traballo delata os avances en canto investigacións arredor do elemento. A isto súmase a Directiva Europea que regulamenta a protección dos traballadores fronte ao gas. “España aínda non a aplicou e por iso será sancionada pola UE, mais está prevista a implantación da directiva a finais de 2022” sinala Alberto Ruano.

Sobre a maior presenza do radón en Galicia que noutros lugares do Estado, os estudos apuntan á morfoloxía do subsolo galego, cuxas concentracións de materiais fan exhalar dito gas. Isto trouxo que houbese un gran número de traballos e artigos científicos relacionados coa actividade laboral e a presenza do radón en lugares de traballo. Estas investigacións non dan datos definitivos debido aos diferentes niveis de concentración segundo o espazo laboral.

I Simposio sobre radón no traballo
I Simposio sobre radón no traballo

“O simposio forma parte dunha serie de actividades dirixidas a expandir coñecemento sobre esta problemática” di Ruano, quen remarca a necesidade de “evitar todo tipo de alarmismo e dar paso á investigación e á información de cara ao público”. A mensaxe é clara, as investigacións e a súa difusión son importantes para evitar alarmas innecesarias.

AFECTACIÓN E DISTRIBUCIÓN DO GAS EN GALICIA

Desde o simposio apuntouse que até o momento é prematuro falar de profesións afectadas en maior ou menor grao. Todo depende onde estea situado o lugar de traballo, as características do edificio e o feito de ter sotos nunha casa ou edificio de varias plantas.

Por outra parte, os sistemas de análise tanto en domicilios como en espazos laborais son as mesmas. “Isto está lexislado e aparece no BOE, as medicións debe realizalas un laboratorio acreditado, preferiblemente pola Entidad Nacional de Acreditación”. Ademais o laboratorio debe estar rexistrado no Instituto da Vivenda da comunidade autónoma pertinente. Os empresarios estan obrigados a seguir estas pautas tal e como sinala a Lei de Riscos Laborais do Estado.

Ten características propias a sintomatoloxía por gas radón? “Non hai diferenzas, son síntomas que pode presentar unha persoa con cancro de pulmón, ademais unha maior exposición a este gas non implica directamente máis probabilidade de cancro de pulmón”.

As zonas con maior índice de radón en Galicia son as comarcas do sur de Ourense e Pontevedra. “Non é bo sinalar porque dentro das diferentes áreas  pode haber variacións dun lugar a outro”. En Lugo e A Coruña as concentracións diminúen aínda que, como se pode deducir, existen puntos con máis presenza que outros.

Con todo, o territorio galego é o que máis medicións ten rexistrado, case a metade das 12.000 feitas en todo o Estado, 5.700. Sobre os países dentro de Europa que poden ter unha incidencia maior ou parecida á galega son Francia (Bretaña e Macizo Central), Suíza (practicamente todo o territorio) e o Reino Unido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta