Por Galicia Confidencial | Cangas | 05/10/2014 | Actualizada ás 12:25
Estes días estase a falar moito nos medios sobre a decisión da RAG de dedicarlle o Día das Letras ao franquista e falanxista Filgueira Valverde. Mesmo un académico escribiu en La Voz de Galicia unha serie de artigos en loa e gloria do antigo alcalde franquista de Pontevedra. Eu non vou entrar na lea de se Filgueira merece ou non esta homenaxe. Xa me pronunciei a principios de xullo nestas páxinas sobre este asunto e cando leo os artigos dos defensores do alcalde falanxista de Pontevedra máis me ratifico nas miñas opinións.
Mais o que quero sinalar agora é que o labor fundamental da Real Academia Galega, de acordo co disposto na Lei de Normalización Lingüística de 1983, é a estandarización e normativización da lingua galega. Iso supón a publicación en formato libro tradicional dun dicionario, dunha gramática de uso e mais dunha ortografía, así como dunha ortoloxía ou pronuncia correcta-aconsellada da lingua. Os pobos e nacións cunha lingua de seu deben ter estes manuais en formato libro. Todos os tratadistas sinalan que o dicionario, a gramática e mais a ortografía en formato libro son elementos tan importantes para un pobo ou nación con lingua de seu, en canto símbolos materiais e tanxibles da súa condición de pobo-nación, como os textos escritos en papel-libros que conteñen a Constitución e as leis de seu deste pobo ou mesmo como a bandeira e o escudo nacionais.
Xa van alá máis de corenta anos da fundación do ILGa (ILGa e RAG son realmente a mesma cousa) e non temos nada diso. As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego son dunha pobreza gramatical extrema. Nada se di nelas, por exemplo, sobre o uso do infinitivo conxugado. Claro, xa no titulo se di que son morfolóxicas. Non hai nin unha soa liña, hoxe por hoxe, de sintaxe normativa ou máis aconsellable. En canto á ortografía que alí aparece é claramente dependente da castelá: non hai nin unha soa liña, por exemplo, sobre o emprego dos signos de puntuación. Da pronuncia nada se di.
En canto ao dicionario académico en formato libro, o último publicado galego-galego é o de 1997. O castelán-galego é de 2004. O Dicionario da RAG en libro de 1997 anda arredor das 20 000 entradas, cando calquera dicionario escolar para Bacharelato acada unhas 40 000. Por outra banda, non coinciden en moitas ocasións as escollas do dicionario castelán-galego de 2004 co virtual, que está cheo de erros e malas definicións, como a diario vimos sinalando no noso blog bouvard (www.bouvard.blogaliza.org).
Sempre se fala da falta de medios para elaborar e mesmo publicar dicionario, gramática e ortografía. Non se piden obras mestras. O único que pedimos é un dicionario semellante aos de bacharelato dunhas 35 000-40 000 entradas. En canto á gramática e á ortografía, solicitamos algo similar ao que fixo hai tres anos a Real Academia Española coas suas gramáticas e ortografías básicas do español, que se venden ao prezo aproximado de seis-nove euros. Tamén elaborados co mesmo criterio que se seguiu pola Española, é dicir, escoitando a todos e non só aos do ILGa e afíns. Estas obras e outras da Academia Española son publicadas co apoio económico da Fundación pro Real Academia Española, entidade en que figuran como colaboradores a Xunta de Galicia (por certo citada en castelán nas páxinas iniciais da Nueva Gramática… como Junta de Galicia), Caixanova, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Inditex…
Quero sinalar así mesmo que as subvencións que tanto o ILGa como a RAG teñen recibido nos últimos corenta anos, por non falar dos soldos que reciben moitos dos seus membros como profesores-funcionarios de galego, danos dereito de sobra á cidadanía para solicitar a elaboración e publicación destas obras elementais e básicas, pois son imprescindibles na estandarización dunha lingua e, por conseguinte, na súa normalización. Se non chegan os cartos, pois haberá que establecer prioridades e deixar de lado congresos e conferencias onde botan a mesma conferencia de sempre os mesmos de sempre, eliminar a publicación de libros e revistas subvencionados que ninguén le e menos compra…, e dedicarse a estas tres obras fundamentais. Por outra banda, non se nos conteste con iso da publicación dixital do dicionario. A existencia destas tres obras en libro e non de xeito virtual (dicionario de uso a nivel de bacharelato-usuario común, gramática básica e ortografía básica) é, ademais, un signo material da identidade dos pobos con lingua de seu, igual ca a bandeira. Ninguén aspira a ter unha bandeira virtual.
Por iso, desde aquí pido unha campaña a prol da publicación en libro xa destas tres obras imprescindibles. Se os académicos non son quen de o facer, outros si se senten capaces e mesmo sen ningún tipo de subvención nin axudas de custo. Claro que non teñen a capacidade legal estandarizadora do idioma, que só lle pertence á RAG. Eu, se fose gobernante, daríalle un prazo a Academia para realizar e ben, co consenso de todos e todas, esta tarefa estandarizadora básica-elemental e mesmo patriótica de dotar dun signo de identidade imprescindible a unha comunidade coma a nosa con lingua de seu. Se non o fai, habería que pensar en cambiar a Lei de Normalización Lingüística, de tal xeito que a RAG deixe de ser a institución estandarizadora, pois non cumpre con este labor. E que non digan que van elaborar a gramática e non sei cantas cousas máis: levan dicindo o mesmo desde que morreu Franco…e recibindo subvencións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.