Oliver Laxe, premio do Xurado en Cannes: "Fai moito que estamos na fin do mundo e Sirât recolle ese fedor"

Reivindica a "dureza" da película: "O cinema é un espazo onde experimentar cousas que xa non experimentamos na vida real".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2025 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O director galego Oliver Laxe fíxose este sábado co premio do Xurado do Festival de Cannes pola súa última película, Sirât, unha cinta que "recolle ese fedor a fin de ciclo". "Como di un dos personaxes: fai moito que estamos na fin do mundo, con conflitos globais por todas as partes", explica o realizador. Laxe ofreceu este luns unha rolda de prensa en Santiago de Compostela, tras exhibir a súa película para medios e despois de estreala este domingo "na casa", Navia de Suarna. "Parecíanos moi simbólico comezar en casa. Tiña que estar na miña casa, onde sabía que podía convidar á miña xente, que ía estar coidada. Foi unha noite preciosísima. Viñeron autoridades de todas as cores políticas. E xa sabedes da miña teima por facer centro a periferia", destacou. Tras o seu paso polo festival de cinema francés e a preestrea "na casa", a película chegará á gran pantalla o venres 6 de xuño.

Sirât, unha coprodución española e francesa, conta como un home (Sergi López) e o seu fillo (Bruno Núñez) chegan a unha rave perdida no medio das montañas do sur de Marrocos. Buscan a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas sen amencer. Reparten a súa foto unha e outra vez rodeados de música electrónica e un tipo de liberdade que descoñecen. Alí deciden seguir a un grupo de raveros en procura dunha última festa que se celebrará no deserto, onde esperan atopar á nova desaparecida. Durante toda a historia, albíscase un contexto xeopolítico inestable, con conflitos bélicos en distintos puntos. Segundo relatou, comezou a escribir o guión en 2012 e, "sinceiramente, non cambiou tanto o mundo". "Desgraciadamente, continúa de actualidade", asegurou.

O CINEMA PARA "EXPERIMENTAR" O QUE XA NON VIVIMOS

Sobre isto, ademais de abordar esa sensación de "tambores de guerra", destaca que recolle tamén ese 'reset' "necesario" en todos os ámbitos. "Esa mensaxe de que van vir curvas, como cidadáns, é un reto, pero non un reto de sobrevivir, senón de defender os nosos valores, é moi estimulante". Nesta mesma liña, Laxe reflexiona e asegura que o cinema lle "forza" a meditar sobre a morte. "O que pasa é que vivimos nunha sociedade tanatofóbica, onde xa a temos como extirpada. E creo que o cinema segue sendo un espazo onde poder experimentar cousas fortes que non experimentamos na vida", afirma.

Para o director galego, Sirât, "dura", é case cinema "de servizo". "Vivimos uns tempos tan delicados, pero que nos forzan a mirar dentro. E era un pouco o que eu quería con esta película. Creo que nos pode salvar mirar máis dentro, preocuparnos máis de nós, dos nosos valores. Creo que iso nos dará serenidade, quitaranos angustias (...). Non teño ningunha intención sádica co espectador, tento coidalo, pero foi a mellor maneira que creo que hoxe en día podo axudalo", xustifica. Na rolda de prensa tamén participou Sergi López, protagonista da cinta, que recoñeceu que o papel de Luís removeulle "dunha maneira moi especial" ao achegalo a "dores profundas". "Eu se que isto é un salto ao baleiro, actuar con esta dor. E díxenllo: Está moi ben pero paréceme imposible. Non se como facelo. Entón, hai un momento no que estás diante do precipicio e el empúrrache", destaca.

ELENCO AMATEUR

A esta experiencia hai que sumarlle compartila cun elenco amateur. Este é precisamente outro dos trazos distintivos da filmografía de Laxe: decantarse por actores "sen experiencia, que non non profesionais". Aínda que nesta ocasión non foi así co papel protagonista e o seu fillo, si ocorreu co resto do elenco. Meses atrás, Oliver Laxe convidounos aos Ancares para ler o guión e empezar cos primeiros ensaios, facendo así que se coñecesen nun ambiente máis distendido.

"Tomeimo tamén como unha inspiración. O feito de traballar con xente que non ten técnica, se ti queres, pero que teñen algo que lles desborda, que está aí e que ten máis que ver coa presenza que coa execución de cousas premeditadas", detalla o actor catalán. Laxe encomiou o papel de López como guía dos seus compañeiros, a pesar de ser un actor moi técnico, "con entendemento, xenerosidade e paciencia". "Si que estivo aí dando confianza, dando consellos. O primeiro que dixo ensaiando foi: 'non se como vou facer isto. O meu traballo vai ser a base de proba e erro'. E iso xa acougou a todo o mundo", rememorou.

O director da película 'Sirât', Oliver Laxe, ofrece unha rolda de prensa, a 26 de maio de 2025, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O director da película 'Sirât', Oliver Laxe, ofrece unha rolda de prensa, a 26 de maio de 2025, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta