Diego Calvo di que o BNG "non pode soportar que o Xacobeo saía ben" ante as críticas polo concerto de Muse

Os tres grupos do Parlamento galego acordaron unha postura unánime para apoiar os plans do Goberno para introducir a prohibición do proxenetismo no Código Penal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2022 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo acusou ao BNG de 'xacobeofobia' polas súas críticas á organización do concerto de Muse en Vigo este verán --no marco dos eventos celebrados baixo o selo do Ano Santo--.

Calvo respondía así a unha pregunta formulada durante o pleno do Parlamento galego pola deputada nacionalista, Mercedes Queixas, que acusaba o Goberno galego de "dilapidar diñeiro público" neste tipo de eventos baixo o paraugas do "opaco" sistema de patrocinio.

Concretamente, Queixas aludiu ao concerto da banda británica na cidade olívica e ao festival O Son do Camiño, onde investiron "cinco millóns de euros en catro días, cun moi pouco impacto para o sector cultural galego". Lembraba a este respecto a nacionalista que só catro dos 47 artistas que participaron no festival compostelán eran galegos.

Ante isto, Calvo afeou a "hipocrisía máxima" do BNG que, asegura, solicita concertos baixo este selo nos municipios gobernados por eles, como é Pontevedra. Reivindicou ademais a importancia da dispersión destes eventos por toda a xeografía galega durante dous anos.

"Non poden soportar que o Xacobeo salga ben (...) Pregunte pola ocupación hoteleira ou ao sector servizos das localidades nas que se celebraron estes eventos se tiveron algunha repercusión", animou Calvo a Queixas, que convidou ao vicepresidente a "pór hora e día" se quere debater o significado histórico do Xacobeo.

A nacionalista lembrou que xa en setembro solicitou o expediente de concesión do concerto de Muse "e aínda nada", o que para Queixas referenda "o silencio evasivo e delatador" da Xunta, que defende "unha política de turistificación arbitraria e negacionista da lingua e a cultura galega".

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, responde unha pregunta oral no Pleno. CONCHI PAZ
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, responde unha pregunta oral no Pleno. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

ACORDO PARA PROHIBIR O PROXENETISMO

O tres grupos con presenza no Parlamento galego acordaron unha postura unánime para apoiar os plans do Goberno para introducir a prohibición do proxenetismo no Código Penal.

O acordo, plasmado nunha transacción a unha iniciativa levada ao pleno polo Grupo Socialista, saíu adiante por unanimidade durante a sesión deste mércores onde, no entanto, as formacións que conforman o arco parlamentario galego --PP, BNG e PSdeG-- explicitaron as distintas ópticas coas que encaran o debate sobre un obxectivo que si comparten: avanzar cara á abolición da prostitución.

Deste xeito, a deputada socialista Noa Díaz reivindicou que o seu partido é abolicionista "porque a prostitución é unha das formas máis miserables de violencia contra as mulleres" e non pode ser considerada como "un traballo", senón como "unha práctica inhumana produto da misoxinia e o machismo".

Neste sentido, inicidiron en que o libre exercicio da prostitución "é un mito" e que "falar dos dereitos das mulleres prostituídas" é, en realidade, "falar dos dereitos dos proxenetas e dos puteros". "Hai que dar pasos cara a terminar co sistema prostitucional. Se somos feministas, non o podemos consentir", aseverou.

Pola súa banda, a viceportavoz do PPdeG na Cámara, Paula Prado, expresou que a sociedade española ten "un nivel de tolerancia inaudito" coa prostitución e que é preciso actuar desde os gobernos dando como primeiro paso a aprobación dunha lei integral de explotación sexual e trata que sirva de "norma superior" sobre a que articular plans de actuación.

Precisamente, Prado puxo o foco na ausencia desta lexislación que, di, evidencia o avance "moi pequeno e parcial" que se deu durante a etapa en Moncloa dos socialistas, aos que acusou de afrontar con "frivolidade" o debate político sobre a prostitución, en alusión á emenda presentada á lei do 'Só si é si' que finalmente retiraron para, máis tarde, convertela en proposición normativa.

Sobre este asunto tamén se referiu a parlamentaria do BNG Olalla Rodil, que coincidiu en cualificar de "frivolidade" a actuación dos socialistas no Congreso coa súa emenda na que expuña a abolición da prostitución, "convertida agora nun texto lexislativo de catro páxinas".

Para Rodil, a loita contra a prostitución "non se pode limitar todo á vía punitiva". "Simplemente con perseguir a quen tenta comercializar e comprar os corpos das mulleres non se van a garantir os dereitos das mulleres que están obrigadas a prostituírse", incidiu a deputada frontista, que subliñou a importancia de continuar co abolicionsimo no "horizonte" pero "situando no centro das políticas públicas os dereitos das mulleres", xa que a prostitución é unha realidade "moi complexa". "Non se vai a solucionar pondo nunha lei que somos abolicionistas", espetou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta