Traballadores da CRTVG manifestaranse ante a "manipulación descarada dos contidos en beneficio do Executivo galego"

Será o próximo 6 de novembro ás 12 horas en Santiago de Compostela

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2022 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O comité intercentros da CRTVG anunciou a convocatoria dunha manifestación o próximo 6 de novembro, ás 12,00 horas, en Santiago de Compostela, para reclamar unha televisión e radio galega públicas "ao servizo do pobo".

Nunha rolda de prensa na que compareceu xunto con representantes das máis de 30 organizacións --políticas, sindicais, do ámbito social, cultural e profesional--, o comité intercentros explicou que a manifestación sairá da Praza Roxa ata a Praza de Praterías, baixo a lema 'Por unha CRTVG ao servizo do pobo'.

Unha mobilización "máis necesaria que nunca", sinalou o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, quen engadiu que os medios "de todos os galegos están a ser obxecto dun auténtico secuestro por parte do Executivo galego".

Así, denunciou a "manipulación continua e descarada dos contidos dos telexornais en beneficio da forza política no goberno". Ademais, no que respecta ao resto da programación, criticou a "deterioración da variedade, o equilibrio e a calidade dos contidos destinados a diferentes públicos".

Alvite referiuse en concreto á atención que a CRTVG presta á infancia e á mocidade e á imaxe que reproduce das mulleres. Desta cuestión, advertiu os "reiterados e escandalosos episodios de violencia machista nos que se viu envolvida a CRTVG nos últimos tempos" e que foron "obxecto de denuncias" tanto pola parte sindical como organizacións políticas e feministas.

Xunto a isto, denunciou a "falta de perspectiva que ofrece da realidade social, laboral, económica e cultural do país" e de todo o seu "tecido social", pero tamén da "nula participación e control social da xestión e da programación" da corporación.

O presidente do comité sostivo que estas situacións "representan todo o contrario dos valores que deben inspirar a actividade audiovisual" da corporación, entre eles, "a defensa da independencia e veracidade da información, o pluralismo, a participación democrática, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas", así como a "defensa da identidade de Galicia, a súa lingua e a súa cultura".

Ademais, os traballadores da CRTVG piden que se cumpra a lexislación vixente e, en concreto, a aprobación do estatuto profesional e o consello de informativos, así como a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á corporación, xunto coa designación do director xeral por maioría cualificada do Parlamento (xa que o mandato está caducado).

Neste sentido, advertiu de que o actual presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, "semella que está a pedir para RTVE en Madrid o que aquí negou para a CRTVG", en referencia ao nomeamento do director xeral da corporación en Galicia, que foi hai 13 anos.

Convocan unha manifestación o 6 de novembro por unha televisión e radio galegas públicas 'ao servizo do pobo'. CIG
Convocan unha manifestación o 6 de novembro por unha televisión e radio galegas públicas 'ao servizo do pobo'. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta