"IPC real para o metal": o sector mantén a folga indefinida en Ourense por unha suba salarial

Na mañá deste luns o persoal manifestouse no Carballiño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O sector do metal ourensán continúa a folga indefinida que comezou a semana pasada en diferentes puntos da provincia ao non lograr un acordo coa patronal para rubricar o convenio dos traballadores. As xornadas de folga chegaron este luns ata o concello ourensán do Carballiño, onde traballadores e representantes sindicais se manifestaron na Praza Maior, ante o Consistorio, para reclamar unha reunión co rexedor, Francisco Fumega.

Con pancartas, chifres, megáfonos e consignas como 'IPC real para o metal', as persoas manifestantes ocuparon a Praza Maior durante parte da mañá, antes de que o rexedor do Carballiño accedese á reunión para coñecer desde dentro a situación que atravesa o sector, e achegar posturas que poñan fin ao paro indefinido. Precisamente, no Concello do Carballiño atópase unha das empresas punteiras no sector, Gri Towers, onde os piquetes se citaron diariamente desde o primeiro día de folga.

Mentres isto ocorría no Carballiño, na cidade de Ourense o tenente alcalde, Armando Ojea, mantivo un contacto nas instalacións da Confederación Empresarial de Ourense co secretario xeral, Jaime Pereira, e a asesora xurídica, María de Miguel, para interesarse polas actuais circunstancias da folga.

Durante a reunión, os representantes empresariais expuxeron a súa visión e posición do conflito e o tenente alcalde comunicoulles a "vontade" do goberno municipal de prestar axuda, para "contribuír no posible" ao desbloqueo da cidade. Algo ao que xa se comprometeu o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, o pasado venres, tras manter unha reunión improvisada con representantes das tres centrais sindicais que convocaron o parón, CIG-Industria, Comisións Obreiras e UGT.

O tenente alcalde asegurou que o goberno municipal é "consciente da problemática" derivada da folga e da "dificultade dunha solución satisfactoria", pero trasladou que mantén o contacto tanto con representantes sindicais como con representantes do sector empresarial, reiterando a disposición de mediar.

PIQUETES

Por outra banda, a sección sindical de Gri Towers Galicia condenou "as agresións" aos vixiantes de seguridade ocorridas durante a folga. O sindicato asegurou que nas instalacións do Grupo Revi, unha ducia de individuos abriron o portal da fábrica e tentaron acceder pola forza ao recinto, mentres que os vixiantes trataron de impedilo e pechar o acceso. Nese momento, "un deles recibiu unha puñada na cara e outros varios empuxóns", segundo aseguran que se pode ver no vídeo de seguridade.

O sindicato condena estas actitudes violentas e trasladan que as reivindicacións dos traballadores "son lexítimas e plenamente apoiadas", pero "non os comportamentos violentos, agresións, sabotaxes, coaccións ou ameazas" que "só desvían a atención e afastan o obxectivo común", unha subida salarial que evite a perda de poder adquisitivo dos traballadores.

Pola súa banda, as tres centrais sindicais fan un chamamento a apoiar e participar na manifestación convocada para este mesmo luns, a partir das 19,30 horas, con saída no edificio sindical ata a Confederación de Empresarios de Ourense, en demanda do convenio digno para o sector do metal.

Folga por un convenio digno no siderometal da provincia de Ourense
Folga por un convenio digno no siderometal da provincia de Ourense | Fonte: CIG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta