Concentración ante o Froiz de Melide pola "precariedade laboral" e "sobrecarga de traballo" que sofre o seu persoal

A CIG-Servizos, organizadora da concentración, alertou de que esa "sobrecarga de traballo" está, á súa vez, "provocando enfermidades músculo-esqueléticas, psicolóxicas, tensións e ansiedade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2025 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A CIG-Servizos celebrou este luns unha concentración ante o supermercado Froiz de Melide para denunciar "a precariedade laboral que sofre o persoal desta empresa". En concreto, fixo fincapé na "sobrecarga de traballo", provocada, segundo detallaron, "pola non cobertura de baixas, vacacións e ausencias en xeral". Neste sentido, unha das representantes da CIG-Servizos, Lucía Freire, lamentou a "falta de planificación e previsión da dirección da empresa", xa que, segundo denunciou, "obriga ás traballadoras e traballadores a asumir o traballo de compañeiros ausentes".

Freire alertou tamén de que esa "sobrecarga de traballo" está, á súa vez, "provocando enfermidades músculo-esqueléticas, psicolóxicas, tensións e ansiedade". A maiores, a CIG explicou nunha nota de prensa que as persoas que están de baixa por IT "teñen que soportar presións por parte do departamento de Recursos Humanos, que presiona ás traballadoras e traballadores para que reduzan as súas baixas sen a máis mínima consideración sobre o seu estado de saúde".

A central sindical tamén recriminou a actitude de Froiz "por negarse a conceder licenzas retribuídas ou días de asuntos propios, pondo mesmos impedimentos nalgúns centros para coller as vacacións de verán ou a negativa da empresa a cumprir os acordos de promoción automática, abono de horas extra e de transparencia á hora de abonar as comisións".

Con todo, a CIG reclamou unha "solución inmediata" por parte de Froiz, así como o "escrupuloso cumprimento" do convenio e que se garantan unhas condicións laborais "dignas" para todo o persoal. Cómpre destacar que a central sindical escolleu este centro en concreto porque, segundo sinalou, "para tentar illar ás persoas delegadas da CIG, as responsables do centro castigan cos peores postos a quen se relacionan con elas".

Supermercado Froiz en Melide
Supermercado Froiz en Melide | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta