Aumentan case un 10% as denuncias por violencia machista en Galicia no segundo trimestre

Solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 486 ordes de protección, das que se concederon o 71%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron o segundo trimestre deste ano 1.813 denuncias por violencia de xénero, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021, cando se presentaron 1.649. A gran maioría (1.328) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.

Así o informe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en base aos datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ). Nel, sinálase que aumentou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois nese período contabilizáronse 1.811, fronte ás 1.636 de 2021, o que supón unha subida do 10,7%.

A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse en 13, a segunda máis baixa do Estado, cuxa media foi de 18,4, só por detrás da de Castela e León (11,6). Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no segundo trimestre en procesos de violencia de xénero 593 sentenzas, das cales 498, é dicir, o 84%, foron condenatorias.

MÁIS MULLERES DECLARAN

Ademais, en Galicia descenderon un 10,2% os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. No segundo trimestre de 2022 optaron por esta opción 97 mulleres, fronte ás 108 que o fixeron no mesmo período de 2021.

Durante ese tres meses solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 486 ordes de protección, un 7,4% menos que nas mesmas datas de 2021, cando se demandaron 525. Delas, foron acordadas 344 (o 71%), fronte ás 348 de 2021. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 126 ordes de protección, o que supón un aumento interanual do 16,7%.

MENORES

Mentres, no segundo trimestre deste ano os xulgados de menores axuizaron catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que o ano anterior só foi xulgada unha persoa no mesmo período por procesos de violencia de xénero.

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer os fillos das vítimas, coas modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, constatan que entre abril e xuño os órganos xudiciais galegos adoptaron 39 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, un 225% máis que o ano anterior, cando se adoptaron doce.

Arquivo - Concentración contra as violencias machistas.. EUROPA PRESS. - Arquivo
Arquivo - Concentración contra as violencias machistas.. EUROPA PRESS. - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta