Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 17:30
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este luns na presentación da novela 'A agonía das Folerpas', de Óscar Reboiras, gañadora do Premio de Novela Galicia Rural 2022, convocado polo Concello de San Xoán de Río co apoio da Xunta e a colaboración da Editorial Galaxia.
O representante da Consellería de Cultura lembrou que este premio quere pór en valor "o rural e o orgullo de pertencer a el", así como a propia lingua e a literatura galega
O certame, que vai pola súa segunda edición, ten o obxectivo de promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria. Ademais, está dirixido tanto a autores e autoras xa consagrados como a novos talentos.
'A agonía das folerpas' é unha novela de intriga que sitúa ao lector na aldea de Salgueiro, no Parque Natural do Xurés, un lugar abandonado desde hai décadas que se converte no lugar idóneo para descansar --ou para que un asasino en serie enterre as súas vítimas--. Coa chegada dunha xornalista nova ao lugar, o que comeza como un achado arqueolóxico cambia nun suceso que revoluciona a actualidade informativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.