Expertos en prevención de incendios de varias comunidades reúnense Santiago buscando novos métodos contra o lume

Estas xornadas estenderanse ata o vindeiro xoves 20 de outubro e durante este catro días de intercambios tamén se buscará establecer protocolos comúns para as unidades de análises, así como mellorar a coordinación interadministrativa en situacións de simultaneidade, onde os recursos estatais son compartidos polas autonomías.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

Unha trintena de expertos en materia de prevención e extinción de incendios procedentes de varias comunidades autónomas reúnense en Santiago nunhas xornadas que teñen como obxectivo fomentar a converxencia dos distintos dispositivos de loita contra incendios, compartindo experiencias e coñecementos que incrementen a seguridade do persoal que executa operacións de extinción.

Segundo destacou a Xunta, con estas xornadas tamén se pretende mellorar a axilidade no envío de recursos nacionais ás comunidades e traballar na posibilidade de xerar unha base para o desenvolvemento de equipos nacionais de xestión de emerxencias por incendios forestais, integrados por expertos de distintas administracións, e que poidan desprazarse alí onde sexan requiridos.

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, inaugurou este luns en Santiago a terceira edición destas xornadas, enmarcadas dentro do Programa Nacional de Preparación en Incendios Forestais que organiza o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración coa Consellería do Medio Rural.

Estas xornadas estenderanse ata o vindeiro xoves 20 de outubro e durante este catro días de intercambios tamén se buscará establecer protocolos comúns para as unidades de análises, así como mellorar a coordinación interadministrativa en situacións de simultaneidade, onde os recursos estatais son compartidos polas autonomías.

Ademais, os expertos participantes realizarán unha visita ao Centro de Coordinación Central de defensa contra os incendios forestais de Santiago, onde se fará unha breve explicación das novas tecnoloxías empregadas nas tarefas de extinción de incendios, tales como o emprego do Xeocode e o Xeocode Lite, un sistema de información xeográfico queposibilita a xestión de alarmas, incendios, medios e persoal 'en liña' a nivel de distrito, provincial e central.

Expertos en prevención e extinción de incendios de varias ccaa.. XUNTA
Expertos en prevención e extinción de incendios de varias ccaa.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta