Por Galicia Confidencial | Cee | 15/10/2014 | Actualizada ás 14:00
Hai uns días, a mámoa Arquiña de Vilaseco sufría graves desperfectos por unha reforestación. Como xa ten acontecido noutras partes do país, unha máquina desbrozadora pasou por riba do sitio arqueolóxico. Unha situación que o colectivo SEMESCOM cre que se produce polo “abandono e desleixo da Administración”.
E é que esta mámoa é unha das escollidas para o famoso Parque do Megalítico, aquel que no 2001 anos anunciou o xa falecido Manuel Fraga e do que non se sabe absolutamente nada. Pasaron xa 13 anos e nin o Goberno bipartito, nin o Executivo de Feijóo teñen feito nada por recuperar un proxecto que leva anos aparcado.
En 2011, dez anos despois do anuncio, Feijóo inauguraba o parque rupestre de Campo Lameiro. Dicía que era o primeiro paso cara á Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) que Fraga ideara e que se poría en marcha en cinco anos.
Esta rede pretende crear un conxunto de 4 parques, un por cada provincia galega, co obxectivo de pór en valor o patrimonio arqueolóxico da comunidade autónoma a través da investigación, a protección e a difusión, buscando garantir a súa conservación. Así, ademais do de Lameiro, programáronse tamén o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, na Coruña; o Parque da Romanización, de Lugo; e o de Cultura Castrexa de San Cibrao das, en Ourense.
Desde entón, só hai dous parques en funcionamento. O último o de San Cibrán de Las que, ao igual que o de Campo Lameiro, está xestionado por empresas privadas e cuxo custe de entrada –5 euros para adultos-- ten sido criticado polo seu elevado custo, dado que toda a infraestrutura foi realizada con cartos públicos.
No caso do Parque do Megalitismo, pouco se ten feito desde 2001. No 2008 a Xunta declaraba Bens de Interese Cultural os 14 megalitos que supostamente ían formar parte do Parque. Ese mesmo ano aprobouse a Declaración de Impacto Ambiental pero non foi ata 2011 cando se aprobaba un orzamento de 4 millóns de euros para arrincar as obras en 2012 e rematalas en 2016. Uns millóns que, polo momento, non teñen aparecido.
Ademais da xa danada Pedra da Arquiña están protexidos a Pedra da Arca ou Casa dos Mouros (Baíñas, Vimianzo); Pedra Moura de Monte Carneo (Treos, Vimianzo); Pedra Cuberta (Treos, Vimianzo); Mina de Recesinde (Carantoña, Vimianzo); Arquiña de Vilaseco (Castrelo, Vimianzo); Casota de Berdoias (Berdoias, Vimianzo); Rabós (Necrópole de Chan do Cabral) (Baíñas, Vimianzo); Arca da Piosa (Muíño, Zas); Pedra Vixía (Lamas, Zas); Fornela dos Mouros (Nande, Laxe); A Mina da Parxubeira (Eirón, Mazaricos); Pedra da Arca (Cerqueda, Malpica) e a Pedra Moura (Aldemunde, Carballo).
Coa colaboración de quepasanacosta.com
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.