Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2025 | Actualizada ás 21:33
Xosé Miranda Ruíz gañou, co poemario 'As torres abolidas' e baixo a lema 'Príncipe inconsolable', a XXIII edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta, á que se presentaron nesta edición un total de 44 obras inéditas.
A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Míriam Ferradáns como secretaria e integrado por Marica Campo, Manuel Filgueiras Fernández e Modesto Fraga Moure como vogais, tivo lugar ás 18.30 horas na Sede Afundación de Santiago de Compostela. No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.
O xurado considerou que este libro de poemas presenta "un traballo poético cuxo tratamento da nosa mitoloxía, con lucidez e acerto, elévao ao nivel das mitoloxías clásicas". Ademais, destacou que o autor, "inclinado polas formas clasicistas, nomeadamente recorrendo ao soneto, logra a musicalidad e a altura da palabra, cun emprego habilidoso da ferramenta literaria; a nosa lingua propia". Así mesmo, no caso deste poemario, o xurado puxo en valor "o tratamento dos ecos histórico-literarios e a vontade de estilo".
Pola súa banda, Pedro Otero manifestou o seu convencemento da necesidade de manter un premio que é xa un referente do panorama literario galego e que estes anos viu incrementada a súa dotación ata alcanzar os 7.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.