Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2025 | Actualizada ás 18:39
A Xunta destina 115.000 euros á segunda fase da restauración da vivenda de Ben-Cho-Shey, onde o galeguista viviu durante dez anos. Así o anunciou este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na comparecencia de prensa posterior á reunión do Consello de Goberno, onde se autorizou o acordo co Concello do Pereiro de Aguiar, por un importe de 215.000 euros, para levar a cabo as obras do inmoble e pór en valor esta figura.
Así, a actuación que se porá en marcha pretende recuperar a vivenda do mestre para poder dotar ao edificio para un uso público. Farase mediante a restauración dos muros exteriores, o saneamento da estrutura portante, a substitución da cuberta inclinada de tella cerámica e a restauración das carpintarías exteriores do 11º e 2lº piso.
Nunha fase posterior se ejecurtarán os acabados e as instalacións necesarias en cada un dos pisos para permitir a súa apertura ao público. Este acordo enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de apoiar as infraestruturas e equipamentos culturais e promover o coñecemento da historia galega.
A casa onde viviu Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, na súa época de mestre na escola de Santa Marta de Moreiras, foi onde iniciou os traballos de investigación que acabou recollendo na obra 'Santa Marta de Moreiras. Manual dunha parroquia ourensá'. Ben-Cho-Shey foi un articulista que colaborou con importantes revistas, con traballos de todo tipo: arqueolóxicos, etnográficos, históricos, pedagóxicos ou heráldicos, nos que defendeu Galicia e a súa lingua.
PLAN DE CULTURA MARÍTIMA
Por outra banda, a Xunta de Galicia decidiu ampliar o Plan de Cultura Marítima ás illas galegas. Así, a Consellería de Mar fará inventario das estruturas relacionadas coa actividade pesqueira e do mar das illas no marco do Plan de Cultura Marítima de Galicia 2030 (PCUMA).
Será a través da adenda autorizada este luns polo Consello da Xunta ao convenio asinado en 2021 coa Universidade da Coruña para o desenvolvemento deste plan, e que eleva o investimento da Administración Autonómica a 314.844 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.