A moda Lolita en Galicia: rebeldía, feminidade e comunidade

A comunidade Lolita galega vai moito máis aló da roupa: cada obradoiro, picnic ou encontro convértese nun acto de identidade compartida, de liberdade creativa e de desafío a unha sociedade que aínda asocia o feminino á inferioridade.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 28/09/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En Galicia existe unha comunidade que sorprende a quen a descubre por primeira vez. Son persoas que atoparon nunha moda de orixe xaponesa un espazo de identidade, de creatividade e tamén de rebeldía. Falamos das Lolitas (que nada teñen que ver con Lolita de Nabukov), un movemento estético e vital que, malia nacer en Xapón nos anos 70, foi atopando eco en diferentes lugares do mundo, tamén aquí, en Galicia.

Comunidade Lolita en Galicia
Comunidade Lolita en Galicia | Fonte: Helena González

COMO NACEU A MODA LOLITA

A moda Lolita xorde no Xapón dos anos 70, nunha sociedade en plena transformación. O país pasaba dunha estrutura tradicional e moi conservadora a unha modernidade vertixinosa, onde se castigaba o diferente e se premiaba a conformidade. As mulleres, especialmente, víanse sometidas a unha presión enorme: estudaban e traballaban con intensidade, mais ao final esperáballes unha vida reducida ao rol de ama de casa. A moda Lolita naceu entón como unha forma de resistencia, un xeito de desafiar esas expectativas e de reclamar un espazo para a identidade propia.

Inspirada inicialmente no Natural Kei —un estilo máis campesiño e romántico—, axiña evolucionou cara a cortes e formas propias do rococó e do renacemento. Saias amplas, cinturas estreitas, volantes, puntillas, flores, cores suaves ou estampados fantasiosos: todo aquilo que a sociedade tachaba de “ñoño” ou “tolo” converteuse nun símbolo de autonomía. A mensaxe era clara: o feminino non é sinónimo de inferioridade. Ao contrario, a estética Lolita ofrecía un camiño de empoderamento, tanto para mulleres como para homes que querían reivindicar a súa faceta máis delicada e romántica.

A finais dos 80 e comezos dos 90, o barrio de Harajuku en Tokio consolidouse como epicentro desta moda. Entre cafés temáticos, tendas alternativas e mozos e mozas que desafiaban as normas, asentouse unha estética que aínda hoxe segue viva.

A COMUNIDADE LOLITA EN GALICIA

En Galicia, a moda Lolita leva anos gañando presenza, malia que non sempre foi doado manter unha comunidade activa. Lucía, actual delegada do grupo, lembra como pasaron etapas de actividade intensa e outras de pausa, pero sempre con vontade de seguir adiante: “Levamos moitos anos, aínda que tamén houbo tempos de inactividade. Agora estamos retomando actividades, vindo a eventos como o Lérez Up para darnos a coñecer e achegar a moda Lolita á xente”, explica.

A día de hoxe, o colectivo organiza encontros variados: desde obradoiros de cerámica ou kokedamas (un tipo de arte vexetal xaponés) ata visitas a museos ou simples picnics. Non todo se reduce á imaxe tópica do té con pastas, di Lucía: “Non nos limitamos a ese estereotipo, buscamos espazos de convivencia creativa”.

A autoxestión é clave. A través da venda de roupa de segunda man ou de artigos a prezos máis accesibles —moito máis asumibles que as antigas pezas exclusivas de marcas xaponesas—, conseguen financiarse sen depender de subvencións externas.

O DÍA A DÍA COA VESTIMENTA LOLITA

Non todas as persoas que forman parte da comunidade poden vestirse de Lolita a diario. Moito depende do traballo ou do contexto. Lucía lembra cando traballaba nun hospital: “Era imposible, tiña que levar pixama sanitario”. Mais noutras profesións creativas, como o deseño gráfico ou a ilustración, hai máis liberdade para expresarse.

O impacto social tamén é variado. Hai quen recibe eloxios pola súa elegancia, e quen reacciona con comentarios despectivos ou con fotos furtivas na rúa: “Se alguén me pide facer unha foto, normalmente non teño problema. Pero cando o fan ás agachadas, non me gusta nada. Un tempo adoptei unha política: se alguén me facía unha foto sen permiso, eu devolvía o xesto. Cando protestaban, eu respondía: ‘pois o mesmo, non me fagas fotos sen pedilo’”. Esta tensión entre a curiosidade allea e o dereito a expresarse libremente é unha constante.

O FUTURO: EVENTOS, REDES E SEGURIDADE

A comunidade Lolita galega ten plans de futuro. Entre eles, a posibilidade de organizar eventos máis grandes, aínda que polo momento seguen concentrándose en xuntanzas máis pequenas.

O seu principal punto de contacto é Instagram, onde comparten imaxes, actividades e tamén coidan de que quen se achegue ao grupo teña intencións respectuosas. “Queremos que sexa un espazo seguro para todas”, subliña Lucía.

MÁIS ALÓ DA MODA: UNHA FORMA DE REBELDÍA

O movemento Lolita non é só vestir dunha determinada maneira. É tamén unha declaración: negarse a aceptar que o feminino sexa ridiculizado, reclamar o dereito a xogar coa imaxe propia, e crear comunidade arredor da beleza, do detalle e da creatividade.

En Galicia, este grupo mantén viva esa chama. Unha chama que prende tanto en saias abulladas e encaxes como en cada picnic, cada obradoiro e cada encontro onde a moda é só a escusa para construír algo máis importante: identidade compartida e liberdade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta