José González destaca en Nova York o papel da Casa de Galicia na preservación da cultura galega

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no 85 aniversario do centro, que reúne a unha das maiores comunidades galegas en Estados Unidos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2025 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou en Nova York na celebración do 85 aniversario da Casa de Galicia, unha entidade histórica que desde 1940 traballa para manter vivas a cultura e as tradicións galegas entre a diáspora.

Arquivo - Casa Galicia de Nova York
Arquivo - Casa Galicia de Nova York | Fonte: Casa de Galicia de Nova York

Durante o acto, o representante da Xunta salientou que a Casa de Galicia é “un centro referente nos Estados Unidos” e subliñou a importancia das actividades que promove, entre elas as escolas de baile e música tradicional, con clases de gaita, pandeireta ou tambor. González destacou que iniciativas coma estas contan co apoio do Goberno galego a través de programas como Escolas Abertas, que facilita a formación de docentes das entidades do exterior en disciplinas culturais galegas.

O conselleiro fixo tamén unha lembranza especial de Castelao, cuxa figura serviu de inspiración para a creación da Casa de Galicia en 1940, cunha clara vontade de manter unida a comunidade emigrante nesta cidade.

Antes da conmemoración, González reuniuse con representantes de entidades galegas e españolas de Nova York e Nova Jersey para coñecer as súas necesidades e ofrecerlles apoio institucional. Ademais, a súa viaxe aos Estados Unidos incluíu encontros en Miami con galegos residentes e con empresas asentadas alí, así como reunións en Newark e Nova York con diferentes colectivos da diáspora.

Segundo explicou a Xunta, esta visita enmárcase na Estratexia Galicia Retorna, que busca reforzar os vínculos coa emigración, “tendendo pontes con EEUU e promovendo a imaxe de Galicia como terra de oportunidades”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta