Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2025 | Actualizada ás 17:19
O xurado dos XIV Premios Rebulir Cultura Galega publicou o seu veredicto. Así, os premiados deste 2025 son o grupo Malvela, a actriz Cristina Castaño, o programa de televisión Luar e, como premio especial, a emigración galega en Euskadi. A entrega celebrarase o sábado 20 de decembro ás 19.00 horas, no marco do Festival Internacional Rebulir (FIR_2025), no Complexo Rogelio García Yáñez do Picouto, Ramirás.
Así, segundo recollen nun comunicado, na categoría de música galega, o recoñecemento recae no grupo Malvela, "exemplo dunha traxectoria consolidada e dun firme compromiso coa música tradicional galega". O xurado destacou o seu labor de visibilización do papel das mulleres, a súa raíz profundamente vinculada ao mundo rural e a capacidade de popularizar con éxito un legado cultural que "hoxe forma parte do patrimonio colectivo de Galicia".
En Artes Escénicas, a actriz Cristina Castaño foi premiada polo seu "brillante e versátil" carreira interpretativa en teatro, cinema e televisión. Na categoría Homenaxe, o premiado é o programa da TVG Luar que, argumentan, recibe este galardón polo seu "papel insustituíble como escaparate cultural e plataforma de referencia na televisión pública galega". "Durante máis de tres décadas, Luar contribuíu á cohesión social, á difusión do talento artístico e á valorización da identidade galega, converténdose nun punto de encontro intergeneracional e símbolo de proxección cultural do país", destacan.
O Premio 'Rogelio García Yáñez' é unha das novidades desta edición. Este novo recoñecemento rende homenaxe a quen dá nome ao complexo cultural de Ramirás, "figura clave na dinamización cultural da comarca". O obxectivo é reivindicar ás comunidades galegas no exterior, que "continúan proxectando Galicia máis aló das súas fronteiras". Nesta primeira edición, o galardón vai para o amigración galega en Euskadi, representada polos seus centros, "polo seu labor constante na preservación da identidade e da cultura galega, mantendo vivo o vínculo coa terra de orixe e fortalecendo os lazos de irmandade entre Galicia e a diáspora".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.