A Xunta ve “na recta final” a candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio Mundial

O conselleiro López Campos destaca en Barcelona o valor cultural dunha paisaxe marcada pola auga e confía nunha decisión positiva da Unesco en 2026.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/09/2025 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou que a declaración da candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga como Patrimonio Mundial da Unesco sería “o xusto recoñecemento ao seu excepcional valor cultural”. Fíxoo durante a súa intervención na Conferencia Mundial sobre Políticas Culturais e Desenvolvemento Sustentable Mondiacult, organizada pola Unesco en Barcelona.

Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño da Ribeira Sacra 2025. Foto: Ruta do Viño
Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño da Ribeira Sacra 2025. Foto: Ruta do Viño

O representante do Goberno galego destacou que a candidatura galega achega unha paisaxe construída arredor da auga “dunha maneira nova que non está aínda suficientemente representada na Lista de Patrimonio Mundial”. Nese sentido, puxo en valor os canóns e vales fluviais esculpidos ao longo dos séculos e o patrimonio hidráulico que conserva a zona.

López Campos lembrou que a proposta xa foi admitida a trámite polo Comité Mundial da Unesco tras cumprir a Xunta cos requisitos, documentación e prazos esixidos. Definiu o proxecto como unha “candidatura madura e sólida” que se atopa xa “na súa recta final”.

De cara á fase definitiva, o conselleiro subliñou a importancia da visita de consultores da Unesco á Ribeira Sacra prevista para comezos de outubro, paso que considerou clave antes da decisión final, agardada para o segundo semestre de 2026. Mostrouse confiado no resultado e agradeceu o apoio do Ministerio de Cultura, da veciñanza, dos axentes locais e das institucións dos 26 concellos de Lugo e Ourense implicados na candidatura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta