Patrimonio emite un informe negativo ao proxecto de cafetaría no Castelo de San Felipe

O goberno de Ferrol asegura que este informe non corresponde á última modificación efectuada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acaba de emitir un informe negativo ao proxecto do Concello de Ferrol para a construción dunha cafetaría no Castelo de San Felipe, e reclama á Administración local, propietaria e promotora da iniciativa hostaleira, a que "complete a documentación" da solicitude presentada.

Segundo dito informe, ao que tivo acceso Europa Press, os técnicos dependentes da Conselleria de Cultura estiman que "o proxecto presentado non xustifica correctamente a solución proposta para os servizos de evacuación e subministración de augas, así como para os accesos para as diferentes subministracións que demandará o uso de cafetaría". Ao mesmo tempo, tamén se traslada ao Concello de Ferrol que este organismo non entregou "unha memoria final que documente as obras realizadas" e que foran autorizadas previamente.

É por iso que desde a Dirección Xeral de Patrimonio se incide que "ao non ter constancia da execución das obras anteriormente autorizadas e dos resultados das intervencións arqueolóxicas correspondentes, non se teñen datos que permitan avaliar a incidencia das obras propostas", sobre todo, "nos movementos de terra previstos e "sobre posibles restos do castelo e a súa cuberta orixinal".

Por último, o informe, que está asinado polo xefe de Servizo de Coordinación de Cultural, resolve, ante esta situación, "non autorizar as obras solicitadas ata que se complete a documentación" tal e como recolle o informe do Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Galicia na Coruña.

RESPOSTA DO GOBERNO

Desde o goberno municipal de Ferrol, a edil de Patrimonio Histórico, Eva Martínez (PSOE), trasladou que o proxecto ao que se refire a Dirección Xeral de Patrimonio "non é o que se presentou publicamente hai unhas semanas". Segundo a concelleira, existían tres proxectos para esa zona do castelo, dous dos cales "xa foron redactados no anterior mandato", e que consistían na recuperación da batería alta e da envolvente da Casa do Comandante.

Este terceiro proxecto, da cafetaría, foi encargado a finais do pasado ano e remitido hai uns meses á Dirección Xeral de Patrimonio e outros organismos para a emisión de informes, e o que se acaba de recibir "é a resposta a ese terceiro proxecto", explicou.

Desde o Concello de Ferrol, asegúrase que "este mesmo verán se acometeu un refundido destes tres proxectos" co fin de optar a unha serie de axudas, do Ministerio de Transición Xusta e outras previstas da Secretaría de Estado de Turismo, e que "o obxectivo é unir nun só proxecto os tres existentes e, sobre todo, adaptar a intervención á elevada contía das subvencións que se están convocando".

Por último, Martínez detallou que o actual informe non é o refundido co que está a traballar agora o Concello, é dicir, non é o proxecto de cafetaría que recentemente presentaron alcalde e concelleira, "senón o antigo e independente que só incluía a Casa do Comandante e que xa non se pensou executar como estaba redactado", sentenciou.

Anxo Mato e Eva Martínez durante a visita ao castelo de San Felipe.. CONCELLO DE FERROL
Anxo Mato e Eva Martínez durante a visita ao castelo de San Felipe.. CONCELLO DE FERROL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta