"O caravaning, en vez de perseguilo e demonizalo, deberíase ver como unha gran oportunidade"

O sector vén de firmar un manifesto no que reclaman unha única normativa fronte a unha lexislación que consideran "inxusta e discriminatoria" para os vehículos vivenda.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sector do caravaning vén de organizarse contra o "acoso e derribo" que din sufrir por parte dalgúns concellos galegos e do resto do Estado que, a través de limitacións, fan deste un turismo "perseguido e demonizado". O movemento xerado a nivel estatal Soy Karakol, á vista das problemáticas ás que se enfrontaba o sector ao longo da península, decidiu impulsar un manifesto e unha mesa de diálogo entre distintas asociacións de vehículos vivenda (caravanas, autocaravanas e campers) para procurar un acordo de mínimos e lanzar unhas demandas conxuntas de cara ás administracións. 

Javier Nores, cofundador da asociación La Peka na defensa do caravaning
Javier Nores, cofundador da asociación La Peka na defensa do caravaning | Fonte: remitida

Polo momento, o manifesto fírmano un total de oito asociacións, tanto de persoas usuarias como de fabricantes e empresariado do sector. Entre elas, está a galega Caravaning Club Galicia A Coruña e tamén La Peka, a Plataforma Estatal do Caravaning que reúne máis de mil persoas sociais e que foi cofundada no ano 2018 por Javier Nores, natural de Bueu. Bo coñecedor do sector e amante deste tipo de turismo, Nores explica a Galicia Confidencial que este manifesto supón un punto de partida para as súas reivindicacións, sobre todo, a nivel lexislativo. 

CONCELLOS 'ANTICARAVANING'

"O principal problema é a súa complexidade: temos unha normativa a nivel estatal que regula os vehículos, normativas autonómicas que regulan os campings, e normativas municipais que a través de ordenanzas regulan os estacionamentos". "Isto provoca", prosegue, "que un usuario para moverse ten que coñecer a normativa estatal, a autonómica e as 8.150 posibles normativas locais en todo o Estado e 313 no caso de Galicia. Unha verdadeira tolería! É fácil ter sustos, algunha multa, que te expulsen...".

Segundo Nores, existen concellos moi favorables ao turismo do vehículo vivenda porque son "conscientes da oportunidade que supón se queren atraer un novo turismo desestacionalizado"; con todo, outros moitos xa foron gañando a fama de 'anticaravaning' verán tras verán. Son, sobre todo, Nigrán, Valdoviño, A Illa de Arousa e O Grove, enumera Nores, dos que denuncia a súa "loita constante contra o estacionamento" deste tipo de vehículos. "É triste, en Galicia aínda non se deu pero hai concellos noutras zonas de España onde está totalmente prohibido parar, tes que entrar por un lado e saír polo outro", explica o cofundador de La Peka. 

Autocaravanas.
Autocaravanas.

Estas situacións, "cada vez máis frecuentes", deveñen, segundo explican no manifesto, dunha "mala interpretación" por parte das administracións autonómicas e locais do Regulamento Xeral de Circulación e da Instrución 08/V-74 impulsada pola DGT, onde se detallan todos aqueles aspectos normativos da lexislación de tráfico relacionados co movemento do autocaravanismo no Estado. "Nel quedan claras as diferenzas entre o estacionamento e a acampada. Estacionar significa non sacar nada fóra do perímetro do vehículo -toldo, ventás, mesas... -, independentemente do que se faga no interior, sempre e cando a actividade non trascenda ao exterior de ningunha maneira", explica Javier Nores.

POR UNHA NORMATIVA HOMOXÉNEA

Porén, denuncia, hai municipios que "teñen ordenanzas onde se di que non se pode comer ou durmir dentro do vehículo, é unha barbaridade". Ante isto, o sector demanda a todos os concellos o cumprimento obrigado desta instrución co obxectivo de evitar confusións entre o estacionamento e a acampada. Ademais, dende o sector do caravaning poñen enriba da mesa unha serie de demandas contra unhas normativas que entenden "inxustas e discriminatorias" e para "regular" dun xeito "homoxéneo" as condicións en que pode desenvolverse este turismo. 

Así, piden que as institucións fagan uso das ferramentas de que dispoñen para sancionar só aos que si practiquen a acampada (prohibida en todo o Estado na vía pública) ou aos que realicen actividades ilegais por si mesmas (o vertido de residuos sólidos ou líquidos á vía pública, por exemplo), no canto de "perseguir" todo o colectivo. Tamén demandan a "impugnación de sinais de limitación ou prohibición específicas para vehículos vivenda inexistentes no Catálogo Oficial de sinais"; así como a retirada de barreiras físicas que impidan o paso a zonas públicas soamente a vehículos de máis de 2 metros de altura sen xustificación.

Unha cuarta petición pasa por impulsar a creación de máis áreas de Servizo e pernoctación, co fin de "evitar a masificación de vehículos vivenda e de favorecer o seu uso correcto". Neste sentido, Galicia, con máis de 100, sitúase á cabeza do Estado en número de áreas, ao nivel de países como Francia ou Alemania, o que evidencia o auxe deste turismo nos últimos tempos. "Galicia sempre foi bastante pioneira neste sector, e de feito, mesmo mantivemos unha reunión coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para tratar estas problemáticas". Precisamente esta Federación creou un modelo de ordenanza municipal reguladora do estacionamento e pernoita de autocaravanas, campers e caravanas que dende o sector consideran "de referencia" para a súa aplicación. 

Dende La Peka poñen o foco no "poder desestacionalizador" deste turismo, que permite diversificar tamén as zonas visitadas. "É unha alternativa moi cómodo que che permite ir a puntos que doutro xeito non se irían. A xente que chega a Galicia en autocaravana percórrea de norte a sur, para en todos os concellos. Hai que aproveitar esta gran oportunidade no canto de demonizar e limitar este tipo de turismo. Sería unha pena perder todo ese potencial", reivindica Javier Nores. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta