Dépor, un rexurdir da terra

A aparición dos galegos Lucas Pérez e Pablo Insua no once titular serviu a Víctor Fernández para revitalizar o equipo tras catro derrotas. O 'descartado' Juan Carlos tamén debutou en Primeira. E Juan Domínguez está listo para o domingo.

Por gcdeportes | A Coruña | 21/10/2014 | Actualizada ás 09:19

Comparte esta noticia

Un, debutou e marcou o segundo gol. Outro, foi o capitán do equipo. E outro máis foi o primeiro troco despois de ser descartado polo club. Os focos son para Lucas Pérez, que semella pode converterse no novo ídolo de Riazor, pero o arzuán Pablo Insua asumiu con 21 anos o brazalete de capitán e dirixiu a defensa, que acabou coa porta a cero. E de xeito sorprendente, Juan Carlos voltou ao equipo e debutou en Primeira. Os tres, coruñeses.

Lucas Pérez debutou e marcou o segundo gol.
Lucas Pérez debutou e marcou o segundo gol. | Fonte: lfp.es

Lucas Pérez, que ven de cumprir 26 anos, tivo o debut perfecto en Riazor, co que sempre soñara dende pequeno, cando acudía coa familia á bancada. Os medios gostan de dicir que o fútbol de Lucas é o da rúa, pero leva unha longa traxectoria: Victoria coruñés, Alavés, categorías inferiores do Atléti, Raio Vallecano B, Karpaty ucraíno, Dinamo de Kiev, PAOK de Salónica. Ao Dépor chegou cedido este verán, segundo o seu representante, perdendo moitos cartos.

Pero as lesións non lle deixaron debutar ata a oitava xornada, despois de catro derrotas do Dépor. Foi todo un éxito, contaxiou as gañas aos compañeiros e marcou o decisivo 2-0, que facía máis difícil a remontada rival. Tralo partido, Víctor Fernández recoñeceu que ten algo especial, que definiu como 'ángel'.

Pero o técnico deportivista fixo ata seis trocos: Fabricio na porta; Pablo Insua na defensa, Wilk no canto de Álex Bergantiños e Cuenca, Lucas Pérez e Cavaleiro por diante. E o primeiro troco foi outro coruñes, Juan Carlos, a quen o club quixo botar na pretempada porque Víctor Fernández non contaba con el. Con 23 anos, Juan Carlos debutaba co seu equipo de sempre en Primeira: unha sorpresa total, xa que recoñeceu que xa case non miraba nin a lista de convocados, sen esperanza de estar. “Estou ledo por debutar en Primeira e que o equipo gañase. Foi todo redondo”.

No centro da defensa, Pablo Insua. Contan que foi unha recomendación do presidente ao adestrador: que o cargo de capitán sexa para un xogador da canteira. Coa ausencia dos catro capitáns --Manuel Pablo, Laure, Álex Bergantiños e Juan Domínguez-- o elexido non podía ser outro que Pablo Insua. Con só 21 anos. Esta fin de semana terá competencia: pode volver Juan Domínguez ao equipo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Felder

Tal cal, non copiemos ós da Sexta con "Insú" ou "Ángel" Carro. Parabens polo seguimento dos equipos galegos que facedes!

1 Nóvoa

Insúa NON: Insua, non sexades vós tamén madrileiros.