Con esta App moverse de maneira sostible por Santiago de Compostela ten premio

Os usuarios conseguirán puntos para canxear logo de rematar a súa ruta

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

Colaborar e impulsar a mobilidade sostible na cidade de Santiago ten premio. A capital galega xa conta coa SmartWay Smartiago, unha aplicación móbil que xa pode descargarse nos sistemas iOS e Android e que premia a aqueles residentes e visitantes que fomentan unha mobilidade intelixente.

Aplicación móbil SmartWay Smartiago - cedida
Aplicación móbil SmartWay Smartiago - cedida

Esta ferramenta foi deseñada por Itera Técnica dentro do proxecto Xemelgo da iniciativa Smartiago, un conxunto de solucións innovadoras postas en marcha polo Concello de Santiago co obxectivo de mellorar os servizos públicos a través da implicación de compañías con gran capacidade tecnolóxica, universidades e empresas locais en liña cos obxectivos dos fondos FEDER 2014-2020.

O funcionamento da SmartWay Smartiago é moi sinxelo: unha vez descargada, a persoa usuaria deberá rexistrarse para crear unha conta e planificar a súa ruta, incluíndo o destino e o xeito no que realizará o desprazamento (a pé, en bicicleta, transporte urbano ou coche). Esta andaina poderá compartila cun amigo ou amiga e, tras rematala, conseguirá puntos para canxear en Smartket, o lugar no que confluirán entidades e comercios colaboradores que ofertarán os seus servizos ou produtos con descontos.

A persoa usuaria da aplicación móbil poderá deseñar as súas rutas en base a diferentes sectores como o comercial, o turístico e o gastronómico e todas elas irán acompañadas de promocións, eventos ou accións de gamificación atractivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta