CC.OO. denuncia que o centro de saúde de Vedra está "literalmente caendo a cachos"

Denuncia sobrecarga laboral do persoal sanitario e tamén a situación do centro de saúde de Boqueixón.

Por Galicia Confidencial | Vedra | 11/11/2022 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a "situación límite" do centro de saúde de Vedra, que "literalmente, está caendo a cachos". O sindicato destaca o mal estado das instalacións —onde as humidades están deteriorando a estrutura— e incluso desprendementos de cornixas.

Centro de Saúde de Vedra
Centro de Saúde de Vedra | Fonte: CC.OO.

Nun comunicado de prensa, este sindicato asegura que os problemas, con todo, van máis alá xa que hai "apagóns por curtocircuítos, fugas de augas que obrigan a cubrir os baños con toallas ou falta de accesos para persoas con mobilidade reducida". "A propia sala de exploración ten risco de desprendemento pola falta de mantemento e conservación do edificio", apunta o sindicato. Todo isto, xunto co reducido espazo, obriga a que actividades como preparación ao parto se fagan en instalacións afastadas do centro de saúde.

Así mesmo, CCOO-Sanidade reclama unha mellor xestión do persoal tanto do centro de saúde de Vedra como do de Boqueixón. "Os traballadores e as traballadoras vense obrigados a desprazarse dos centros principais de cada un dos concellos durante curtos períodos  ata o consultorio de Lestedo (en Boqueixón)", critica.

Esta decisión, denuncia o sindicato, axuda a que nin se resolva a demanda asistencial en Lestedo, nin se atenda axeitadamente as persoas usuarias de Boqueixón e de Vedra. "O único que consegue é sobrecargar o persoal que debe cubrir as ausencias que se producen nos respectivos centros de saúde", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta