Castelao vía a plenitude da lúa

Conexións. Antes de nada, debo confesar a miña condición de neófito no tema de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao. Ata este mes de outubro de 2014, pouco sabía da vida de Castelao e aínda non lin ninguna obra súa completa. Tal como me sucede con Dante e con Onetti, con Willa Cather e con Proust, reservo a lectura das obras do autor de Rianxo para un futuro incerto.

Por Ramón Torrado | Noia | 09/11/2014

Comparte esta noticia
Parto pois do descoñecemento e con toda humildade, pero non sen relación algunha con este artista. A tres metros de onde escribo estas liñas no cuarto onde nacín está a fiestra central desta vella casa mercada a un portugués na que vivo, que nun tempo foi bar, escola de música e barbería. Dende esa fiestra pronunciou nunha ocasión Castelao un discurso. As irmás de Castelao Josefina e Teresa eran amigas da miña tía Carmucha e da miña nai Concha, e a mamá regaláronlle cando casou un rosario de prata. Eu mesmo entrevistei a Teresa en dúas ocasións.
 
E unha cousa máis: a miña prima Ledicia Lustres Viturro de Leiro en Rianxo é a autora do que vén a ser unha sorte de continuación do traballo investigador de Castelao sobre as cruces de pedra en Galicia, enfocando o seu traballo na comarca de Barbanza e en Porto do Son e incluíndo tamén muíños, petróglifos, pombais, petos de ánimas, menhires e dolmens.
 
Por suposto, estas conexións non son nin xustificación  nin garantía de nada, polo cal pido xa desculpas se cometo neste artigo erros de datos ou de apreciación.
 
Misterios.
 
O pasado 16 de outubro celebrouse en Rianxo unha conferencia sobre o seu fillo máis destacado. Os poñentes foron Xosé Luis Axeitos de Asados, Xosé Luis Barreiro Rivas de Forcarei e Carlos Mella Villar da Estrada. Os tres amosaron visións de Castelao, e chegou a producirse un cómico incidente que o xenial rianxeiro tería saboreado con gusto: o emocionado alcalde Adolfo Muíños dixo despois da intervención de Barreiro que agora lle tocaba a Carlos Mella desempatar co seu discurso, e cando Muíños lle achegaba o micrófono ao Presidente da Fundación Castelao derrubou ó chan sen querer a plaquiña co nome de Barreiro. Con rapidez de reflexos e cara de David Niven, Mella dixo: “xa desempatei”, causando o riso dos asistentes e de Henrique Monteagudo ó seu carón.
 
A miña timidez impediu que eu formulara a pregunta que desexaba formular: como era Castelao como persoa? Así, unha serie de misterios quedaron flotando no aire para min, xuntándose con algunhas dúbidas que me asaltaron durante as lecturas das cartas e da fascinante biografía de Castelao escrita polo seu amigo Valentín Paz-Andrade. Son entre algunha outra as seguintes:
 
- por que sae tan pouco a esposa Virginia Pereira tanto na biografía como no epistolario? 
 
- quen eran Vicentiña, Sabela e Olegarita na vida de Castelao? Como se rompeu a súa relación con Eva Pereira?
 
- quen sería a moza que inspirou o fermosísimo fado “Lela” composto por Castelao para a obra teatral Os vellos non deben de namorarse? É unha canción chea de sentimento e resulta moi apropiado que a portuguesa Dulce Pontes fixera unha versión.
 
- por que se autocaricaturizaba Castelao fumando? El era, como o gran Anton Chekhov, doutor (miña nai escoitou que Castelao viña a cabalo dende Rianxo á aldea das Miráns e non cobraba nunha época terrible de enfermidade e pobreza). Sendo facultativo, sabería que fumar rouba de media dez anos da vida das persoas, e que pode causar cegueira?
 
- cal era a relación entre Castelao e o seu veciño o rianxeiro Rafael Dieste? Axeitos apuntou a unha certa frialdade por parte do segundo.
 
- por que o meu amigo o escritor Manuel Dourado Deira pensaba que a casa marcada nunha placa como natal de Castelao non era tal? Dourado mencionaba como natal unha casa chamada de Rosalía ou dos Loureiros que se encontra nun camiño que vai Rianxo arriba cara ao cemiterio en dirección á praia de Tanxil.
 
- como sería o encontro entre Castelao coa pianista polaca Wanda Landowska en París o 20 de abril de 1921 e coa actriz simpatizante da República española Joan Crawford en California no ano 1939? Paz-Andrade conta que Castelao tamén intentou falar con Charles Chaplin, pero por desgraza o famoso Charlot estaba enfermo nese intre.
 
- a que se refire exactamente Castelao en 1947 ou 1948 cando nunha carta dirixida a Paz-Andrade, confesa que a súa foi “unha vida chea de frustracións”? A tráxica morte do seu único fillo de catorce anos Alfonso Xesús, a Guerra Civil, o exilio e os problemas da vista foron as súas meirandes cruces, pero referíase a algo máis nesa frase? As imaxes  publicadas polo querido Xosé Enrique Acuña nunha  fotobiografía parecen indicar que poucos galegos, sen contar o famoso ditador, serían tan aplaudidos nas súas vidas.
 
- por que non hai máis biografías de Castelao? Outro amigo meu, e tamén do Araño como Dourado, é o interesante investigador Xusto Xosé Ordóñez Figueira, artífice da páxina Rabunho Rexeita en facebook e el con frecuencia encontra detalles novos sobre a vida de Castelao, detalles que pouca xente semella apreciar.
 
- por que motivos non é máis recoñecido Castelao no estranxeiro? No New York Times, por exemplo, apareceu tres veces dende o inicio en 1851; a derradeira foi a nota necrolóxica de xaneiro de 1950. Debuxos como o da derradeira lección do mestre ou a sorprendente sensualidade dos rostros de mulleres do pobo galego que el plasmou nas súas obras xa serían suficientes motivos para chamar a atención dos amantes das artes en calquera país, e por certo que chama a atención o amor de Castelao polos artistas do Xapón.
 
- para cando películas de calidade sobre Castelao? O director Miguel López Sánchez prepara unha longametraxe sobre a estancia de Castelao en Pontevedra, pero haberá que agardar para ver se alguén se decide a facer unha película estilo biopic que se poida ver en todo o mundo. 
 
 
Intuicións.
 
Despois duns días de inmersión en obras de e sobre Castelao, xorde unha serie de intuicións nun intento de achegarse a el.
 
      1. É posible que o creador do discurso titulado “Alba de gloria” sexa o home máis glorioso da Historia de Galicia. Renacentista por ser tan polifacético, parece ser que todo o facía ben: caricaturista, pintor, escenógrafo, dramaturgo, encadernador, autor de contos, novelas, críticas de arte e ensaios, investigador, etnógrafo, orador, político do Partido Galeguista e deputado nas Cortes en Madrid, doutor, mesmo actor, músico e cantante. Como excepcional caricaturista da estirpe valente e brutal de Goya e como pintor penso que está menos valorado do que merece.
 
      2. É posible que Castelao sentise carraxe sabendo dos ofensivos comentarios sobre a Literatura Galega vertidos non hai moito por George Steiner, Luis Antonio de Villena e Arturo Pérez Reverte, este último probablemente o articulista máis lido en España na actualidade.
 
      3. É posible que Castelao se botara as mans á cabeza despois de coñecer as recentes estatísticas sobre o descenso do uso da lingua galega tanto no seu Rianxo como en Galicia ou Galiza enteira. A autonomía máis conservadora de España – Barreiro dixit – non quere conservar o seu idioma! Sería demagóxico preguntarse por que as persoas nacidas en Galicia, e en especial as de longas raíces na terra, escollen o idioma de Torrente e dos homes peiteados para atrás que levaron tantos millóns a paraísos fiscais? É tan admirable esa cultura nos tempos que corren? Non é necesario esquecer a Cervantes nin ás grandes glorias, pero por que deixar a un lado un cofre do tesouro cheo de xoias aberto ós nosos pés, ó noso lado? A poucos minutos das urbes é posible encontrar o sabor da cultura ancestral, aquela que deu ó mundo a muller con maior talento para a poesía, a galega Rosalía.
 
 
Imaxinacións. 
 
Camiñando hoxe en día polas rúas vellas de Rianxo, no final de outubro de 2014, entro nunha nube imaxinando que son Daniel:
 
... escoito por fortuna a entrañable fermosura da lingua galega que se fala en Rianxo, en particular a lixeira e leda dos nenos e as retranqueiras e emocionantes verbas requintadas pola vida dos maiores 
 
... veñen sentimentos de certa vergonza vendo o lamentable estado do tellado da Casa Consistorial na praza que leva o meu nome, cousa que agradezo, e aparece a tristura vendo o estado da miña casa, descoidada e “desconchada” ela que ten un lado cuberto de cunchas de vieira. Dende as dúas fiestras de atrás contemplo outra vez a lúa sobre a ría de Arousa. Esta casa e este cuarto eran un corazón da alma, e aos meus ollos castigados acoden as bágoas de amor pola miña terra. 
 
... vexo no telexornal por unha banda e con pesar que fumar pode provocar casos de ictus, a segunda causa de morte en España e por outra banda e con agrado que o doutor José Ramón González-Juanatey, Presidente da Sociedade de Cardioloxía de España fala en galego para as cámaras. Lembro ao doutor Miguel Pastor que me acompañou nas horas finais e entra unha onda de calor composta de respecto e agarimo por tódalas persoas que traballan pola saúde, tamén a enfermeira galega Teresa Romero que se encontrou co ébola.
 
... vexo sorrindo a vella imprenta do meu amigo Cándido, pequeno paraíso de libros e prensa e precioso material escolar, faro de cultura, e seguindo o camiño noto as tendas pechadas para sempre e as cafeterías algo baleiras e un desánimo no ambiente e quero abrazar a toda a vila coas caras dos descendentes de aqueles que eu debuxei e a cada recuncho de Galicia e aos galegos no estranxeiro para darlles ánimos e para traspasarlles orgullo por quen fomos e quen somos ...
 
Cegueiras.
 
A escocesa Evelyn Glennie, unha das máis prestixiosas percusionistas do mundo, é xorda dende os doce anos. Ela actúa descalza e afirma que sinte a música en partes do seu corpo como por exemplo o óso malar. Para min os pómulos son precisamente unhas das marcas máis potentes das caricaturas de Castelao, e poden establecer de forma clara matices descritivos como a maldade, a soberbia, o abuso de poder, a malicia, a desesperación, a nobreza ou o desgaste da vida e da fame. Con moi poucas liñas el retrataba de maneira portentosa por fóra e por dentro, como facía cunha sensibilidade semellante o fotógrafo de Soutelo de Montes Virxilio Viéitez.
 
O paradoxo dos sentidos acentuados cando faltan, “atrancos” sería a palabra que diría Carlos Mella, como sucedía con Beethoven/xordo e Cervantes/manco cobra unha impresionante importancia no caso de Castelao e de Galicia. Mella afirmou en Rianxo que Castelao era a única persoa do seu tempo que demostrou ter unha verdadeira cosmovisión  de Galicia. Profundamente intelixente e con fama de ser bo, Castelao era un home case cego que ademais tiña de amigos a outros homes con problemas de vista como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Sofía Casanova que case queda cega e Ramón Otero Pedrayo (moito me gusta que o mellor amigo de Castelao – cando xa non estaba vivo Antón Losada Diéguez - fora o señor de Trasalba, a quen considero o mellor prosista da nosa Literatura). Eran os visionarios, como o foi o amable e sabio escritor portugués José Saramago, creador desa obra mestra no campo das novelas que leva o título de  Ensaio sobre a cegueira.
 
O cantante irlandés Mike Scott falaba con admiración e repetidamente na canción do seu grupo The Waterboys chamada “The Whole Of The Moon” sobre alguén que - en contraste con outros que só poden ver a lúa crecente - é quen de ver a totalidade da lúa, a súa plenitude chea. Así era Daniel Alfonso Manuel Rodríguez Castelao, un visionario de quen aínda nos queda moito por saber e por aprender, polo ben de todos nós e polo ben de Galicia.
 
 
 
 
Bibliografía:
 
Acuña, Xosé Enrique, ed., As imaxes de Castelao: Fotobiografía (A Nosa Terra, Vigo, 2000)
 
Castelao, Diario de 1921 (Galaxia, Vigo, 1977)
 
Castelao, Escolma posible (Galaxia, Vigo, 1975)
 
Castelao, Obras - Volume 6 (Epistolario) (Galaxia, Vigo, 2000)
 
Dourado Deira, Manuel, Conversas con Teresa Castelao. Anecdotario dun século de vida (Sotelo Blanco, San Marcos, 1999)
 
Leira, Xan, Castelao e os irmáns da liberdade (documental, 2001)
 
Mella, Carlos, A Galicia posible, (Xerais, Vigo, 1992)
 
Paz-Andrade, Valentín, Castelao na luz e na sombra (Edicións do                                                                    Castro, Sada, 1986)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.