Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/11/2022 | Actualizada ás 17:58
Pontevedra busca que as súas riquezas gastronómicas sexan recoñecidas en todo o Estado. Tras converterse nun auténtico embaixador do estilo de vida pontevedrés na pasada edición de Fitur, o xa célebre "Paco" parte agora rumbo a Valladolid para exhibir na Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) os "talentos gastronómicos, riqueza medioambiental e patrimonial e beleza da cidade onde mellor se vive e come do mundo". O seu obxectivo é que Pontevedra sexa a capital española do turismo gastronómico.
A cidade do Lérez presenta unha nova peza audiovisual, realizada por Fernando Portela, na que o célebre e sibarita protagonista percorre espazos tan emblemáticos como o parque das Palmeiras, o Mercado de Abastos, Santa María, Ruínas de Santo Domingo ou as prazas da Peregrina, A Ferrería, Méndez Núñez e A Leña, para amosar as "inxentes e irresistibles tentacións culinarias" dos restaurantes pontevedreses.
Este vídeo será un dos materiais promocionais que Turismo de Pontevedra presentará no salón de Intur coa finalidade de posicionar á nosa cidade como capital española do turismo gastronómico e das infraestruturas verdes e azuis, a través de dous proxectos esenciais como a marca Pontevedra Capital Gastro e a estratexia de loita contra o cambio climático e renaturalización de ríos e espazos naturais Pontevedra Flúe.
Con ese obxectivo, viaxa á capital pucelana unha delegación pontevedresa encabezada polos seus principais impulsores, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.