O 5 % de subida en comedores escolares tradúcese nuns "12 míseros céntimos" por alumno

A CIG denunciou que o aumento da financiación nos comedores privados chega ao 30 % por escolar

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2022 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A CIG considerou "insuficiente" a subida do 5 % do orzamento que destina a Xunta aos comedores escolares, o que supón un incremento de "tan só 12 míseros céntimos" para alimentos, gas e produtos de limpeza por alumno e día.

Así, o sindicato denunciou nun comunicado este xoves, que, pola contra, a Consellería de Educación "aumentou nun 30 % a partida destinada a comedores privados".

Desta forma, valoraron que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, tivese en conta a demanda do persoal empregado público dos comedores escolares para que actualizase as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo de comedores escolares, ante a "subida desmesurada" da enerxía e dos alimentos, así como pola carestía da vida.

Con todo, lembrou que a subida que propuxo a CIG é dun 30 % co que consideran que o 5 % anunciado "é totalmente insuficiente".

Así mesmo, aclarou que o gasto que se destina inclúe, ademais da alimentación, os produtos de limpeza e gas propano, empregado nas cociñas dos escolares. Co cal, conclúen que "aínda incluíndo o 5 % do ano anterior, o investimento total da consellería para este ano é de 0,24 céntimos".

"Un incremento totalmente insuficiente para manter a calidade dos servizos públicos e achegar unha alimentación con produtos frescos, locais e de proximidade cun contido nutricional adecuado para os escolares", remarcou o sindicato.

A CIG-Administración Autonónmica comparou o aumento anunciado do 5 % co do 30 % dos comedores das Anpas de xestión privada. "Lévanos a pensar que a ridícula subida na pública ten como obxectivo final baixar a calidade para xustificar unha privatización do servizo", sinalou.

OS COMEDORES DO RURAL

Neste ámbito, lembraron que a "maioría de comedores escolares do rural son aínda de xestión pública". "Resisten a política privatizadora do PP grazas ao magnífico servizo do persoal empregado público e á presión social das familias que se opoñen a que as empresas fagan negocio coa saúde dos seus nenos", engadiron.

Ademais, aludiron que a data do 9 de novembro o sindicato remitiu un escrito ao conselleiro de Educación para que "revisasen e actualizasen" as contías destinadas ás bolsas para o financiamiento do servizo dos comedores escolares xa que ao persoal "fáiselle cada vez máis difícil" dar unha alimentación saudable con produtos frescos, locais e de tempada.

"Aínda non obtivemos resposta pero esperamos que recapacite e atenda á CIG para analizar con detalle os problemas das cociñas e dos comedores escolares e seguir dando a alimentación de calidade e deixe de utilizar aos nosos escolares para facer unha campaña de propaganda por uns ridículos 12 céntimos", sentenciou o sindicato.

Un comedor escolar disposto para recibir aos nenos.
Un comedor escolar disposto para recibir aos nenos. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta