Rueda pide ao Goberno central impedir a suba das peaxes da AP-9, "inasumible e inaceptable"

O presidente da Xunta lembra nunha misiva a Raquel Sánchez que a AP-9 xa ten un prezo euro/Km superior á media española.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2022 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, enviou unha carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, para solicitar que o departamento estatal tome "as medidas oportunas para impedir" a posible subida do prezo das peaxes da AP-9 e a AP-53, que podería roldar o 9% para 2023, algo "inasumible para os galegos e inaceptable para o seu Goberno".

Lembra o titular do Executivo autonómico na misiva que a AP-9 é a arteria de comunicación "máis importante de Galicia", xa que "vertebra o territorio onde reside o 60% da poboación da comunidade, é o eixo principal sobre o que pivota a rede de vías de altas prestacións e, en consecuencia, desempeña un papel crave no funcionamento da sociedade e da economía".

Apunta ademais Rueda que, a pesar de que o sistema de bonificacións en vigor desde 2019, aínda que alivia o impacto das tarifas da vía nos usuarios frecuentes, "non impide que a AP-9 teña un prezo euro/km superior á media española e, en todo caso, superior ao das dúas autoestradas de titularidade autonómica".

Nesta liña, Alfonso Rueda censura que o Executivo central autorizase "sucesivas subidas extraordinarias" que fan que a AP-9 sexa, cada 1 de xaneiro, "a autoestrada que máis eleva os seus prezos de toda a rede estatal". "Esta situación contrasta coa doutras autoestradas dependentes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que evolucionaron, no mesmo tempo, cara á liberación das súas peaxes", incide.

Tamén lle preocupa ao Goberno galego a posible subida na autoestrada AP-53, "no eixo de conexión Santiago-Ourense" e, por tanto, "fundamental para a cohesión territorial de Galicia e na queno existe ningún tipo de bonificación de tarifas".

MEDIDAS DA XUNTA

Alfonso Rueda aproveitou a carta para lembrar a Raquel Sánchez que, dadas as "grandes dificultades económicas actuais, que esixen das administracións un especial esforzo de apoio aos cidadáns", a Xunta tomou a decisión de "evitar" a subida das peaxes das autoestradas autonómicas o próximo ano.

"A decisión do Goberno galego acredita que é posible evitar que os cidadáns e a economía de Galicia, nun escenario complexo, vexan tan duramente agravado o impacto, xa de seu moi notable, das peaxes das autoestradas estatais", argumenta Rueda.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (i), e a ministra de Transportes, Raquel Sánchez (c), durante a súa visita á parte do acueducto caído de Pedrafita do Cebreiro, a 17 de xuño de 2022, en Pedrafita do Cebreiro
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (i), e a ministra de Transportes, Raquel Sánchez (c), durante a súa visita á parte do acueducto caído de Pedrafita do Cebreiro, a 17 de xuño de 2022, en Pedrafita do Cebreiro | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Juan Feijoo

Non recordo quen ampliou o contrato da AP9 durante más años… ahhh, xa me lembro