Un recurso do Grupo Nogar paraliza o cesamento de actividade na súa nave, con 96.000 toneladas de gran

O Concello de Pontevedra ordenara precintar as instalacións tras detectar deficiencias na licenza e na seguridade.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 22/11/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Un recurso do Grupo Nogar paralizou a orde de cesamento temporal da actividade na súa nave de La Cross que ordenou o Concello de Pontevedra tras detectar deficiencias na licenza e nas condicións de seguridade.

Dous vixiantes camiñan pola antiga fábrica de Pontesa do Grupo Nogar, a 7 de novembro de 2022, en Ponte Sampaio, Pontevedra
Dous vixiantes camiñan pola antiga fábrica de Pontesa do Grupo Nogar, a 7 de novembro de 2022, en Ponte Sampaio, Pontevedra | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

Ademais, nestas instalacións da filial Galigrain almacénanse unhas 96.000 toneladas de gran, máis do dobre do que había nas instalacións de Pontesa nas que se produciu un voraz incendio o pasado 6 de novembro que lle custou a vida a un traballador.

Así o confirmou ante os medios este martes a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde, quen advertiu que os técnicos municipais están a estudar "os extremos" deste recurso e se a orde de paralización "se executa quitando o material", a pesar do risco de incendio do que advirte a empresa, "ou de que maneira".

"Eles mesmos (o Grupo Nogar) están a recoñecer o perigo que hai na nave", asegurou a edila sobre o texto deste recurso no que a firma solicita a "nulidade" da orde de peche ao entender que o Concello non é competente para paralizar a súa actividade. En todo caso, o goberno local notificouno á Xunta a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

Outro dos asuntos que admite a compañía, en palabras de Villaverde, é que se almacenan "nin máis nin menos que 96.000 toneladas" de cereais, "en todo caso material inflamable susceptible de combustión, que vén ser máis do goble que en Pontesa". "E recoñecen que non é habitual que teñan tanta concentración nin material", engadiu.

Así mesmo, a empresa asegura que "paralizar a actividade é imposible" porque a fermentación do gran podería facer que ardese. Segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, o Grupo Nogar admite así que este almacenamento supón un "grave perigo".

DEFINIR "A MANEIRA MÁIS SEGURA DE PROCEDER"

Por iso, á marxe do recurso, técnicos municipais están "en contacto" coa compañía --de feito, xa se reuniron con representantes do grupo-- para analizar "cal é a maneira máis segura" de proceder: "Non sei se baleirar, pero en todo caso si dotar de seguridade á nave".

Villaverde insistiu en que ao Concello o que lle preocupa é "a seguridade das persoas". "Nós miramos por salvar vidas e que os veciños estean seguros. O que queremos é que aquilo estea en condicións de seguridade", recalcou.

Mentres todo isto ocorre, continúan os traballos de retirada de gran e de arrefriado en Pontesa, tras o incendio voraz de hai máis de dúas semanas que provocou queimaduras mortais a un traballador do Grupo Nogar.

Hai unha parte deste recinto na que os servizos de emerxencias están a retirar a cobertura para que a choiva facilite estes labores, aínda que noutra o arrefriado require máis traballo. "Hai que ir moi aos poucos. Segue na mesma dinámica", resolveu a edila.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O Grupo Nogar debera estar na cárcel por Homicidio Involuntario e sobre todo por agochar a súa actividade insdustrial poñendo en perigo a vida das persoas ! E resulta que o Grupo Nogar interpón un "recurso" e todo dios recúa ? Lores Lores Lores !