Anxos González, camioneira: "Cando me topaba con outros compañeiros, notaba as súas miradas de estrañeza"

Presidenta da Asociación de Transportistas de Verín (Atraparve), representa a un sector no que tan só o 10 % dos profesionais son mulleres

Por Ángela Precedo | OURENSE | 24/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Agora que se achegan as Navidades e que os rapaces comezan a pedir os seus agasallos a Papa Noel e aos Reis Magos (ou ao Apalpador aquí en Galicia), vese cada vez máis ese camiño cara unha igualdade tamén no uso dos xoguetes: nenos que piden xoguetes tradicionalmente asociados ás nenas (como bonecas) ou nenas que piden cousas que habitualmente se regalaron aos homes (como camións).

Anxos González, presidenta de Atraparve, xunto a un dos seus camións
Anxos González, presidenta de Atraparve, xunto a un dos seus camións | Fonte: Cedida

E é que a realidade é que cada vez hai máis nenas entusiasmadas co mundo do motor e dos camións, mulleres que queren coller o volante e lanzarse a viaxar polo mundo entregando mercancías. E por que non ían poder? A resposta é a de sempre: polos prexuízos sociais que, especialmente en zonas máis rurais, persisten. A falta de referentes tamén xoga un papel fundamental, pois non teñen un espello no que poder mirarse.

Dende fai ben pouco, ese espello poden telo nalgunhas pioneiras que, máis aló de conducir o camión, tamén se animaron a optar a ser presidentas das asociacións de transportistas, como é o caso de Anxos González, presidenta da Asociación de Transportistas de Verín (Atraparve), que detalla nunha conversa con Galicia Confidencial que "únicamente temos dentro da nosa federación representatividade feminina como líderes en Castellón e Madrid, somos moi pouquiñas".

"SON FILLA, IRMÁ E ESPOSA DE CAMIONEIRO"

No seu caso, a paixón polo oficio nace dende moi nova. "Son filla de camioneiro, irmá de camioneiro e esposa de camioneiro, polo que xa nunca foi unha profesión que me pillase de cero", explica, e engade que, realmente, cando comezou a traballar para o sector foi cando "facía falta axuda na casa e pedíronme que botase unha man". Dende esa, "quedei encantada, gustoume moito este mundo e aquí sigo a día de hoxe".

Aínda que na actualidade adícase máis a tarefas administrativas, xa fixo de todo: "Cando empecei nisto levábamos unhas rutas ata Italia e Francia, levando mercancías aos diferentes clientes". Ela íase para onde a requerisen co seu camión, con decenas de horas de traxecto por diante e sen medo ás inclemencias que acarrea un sector maltratado durante moito tempo (e tamén na actualidade): descansos curtos, poucas horas de durmir, difícil costearse o menú do día...

En todas esas ocasións nas que se atopaba descansando nas áreas habilitadas nas autovías e autopistas para iso, asegura que poucas veces se topou con outras mulleres, pero que cando o fixo "alegrábame moito, gustábame ver a unha igual e intercambiar impresións con ela, estaba moi ben".

Porque os homes miraban cara ela con receo. De feito, Anxos recoñece que aínda que "non escoitaba que fixesen comentarios sobre min directamente", si que "se lles notaba na mirada que si puidesen dicir algo o dirían" ou que logo podían facer dela o motivo de conversación nunha charla entre compañeiros. 

"ISTO É UNHA MÁQUINA, NON HAI UN XÉNERO QUE A MANEXE MELLOR QUE O OUTRO"

E a presidenta de Atraparve non entende o por que, xa que "isto de conducir un camión poden facelo tan ben as mulleres como os homes, non ten xénero, ao final é unha máquina". Especialmente dende que coa entrada en vigor do novo decreto do transporte aprobado tras a folga de marzo os transportistas xa non son os que teñen que cargar e descargar a mercancía, polo que "tampouco se require forza". 

Quizáis inflúa ese linguaxe sexista con frases feitas como 'que mal conduce, muller tiña que ser'. Tópicos que se levan arrastrando decenas de anos e que é moi difícil borrar da noite á mañá do subconsciente colectivo.

"HAI QUE ROMPER BARREIRAS E A VALÍA NON TEN XÉNERO"

Mais Anxos anima a todas as rapazas que queran sumarse á profesión a "non ter medo". "Se lles gusta, que loiten por isto, porque hai que romper barreiras e as mulleres estamos tan capacitadas para calqueira tipo de traballo como os homes".

A valía é algo que non ten xénero. Proba diso é que Anxos chegou a ser presidenta de Atraparve sendo muller, co apoio de moitos homes, pois "o día das eleccións a maioría dos que viñeron votar foron homes", aínda que concede que "hai moitas empresas que están rexentadas por mulleres, aínda que só se encargan da parte administrativa, non conducen".

Agora é a representante dun sector que segue altamente masculinizado, no que só o 10 % do persoal é feminino. "Represento aos transportistas dunha comarca na que hai moitísimo camioneiro, e como nos costou moito chegar a configurar a asociación, non quero que se perda", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta