Por Europa Press / Redacción | Ourense | 25/11/2022 | Actualizada ás 20:21
A Deputación de Ourense aprobou os seus orzamentos para o 2023. Cos votos dos deputados do Partido Popular e da non adscrita, Montse Lama --abandonou as filas de Ciudadanos--, o goberno provincial deu luz verde a 90,9 millóns de euros para gastos e obrigacións do próximo ano.
As contas recibiran a aprobación inicial no pleno do pasado mes de setembro, tratándose dun plan económico que incrementa nun 6,15% o orzamento da institución, o que se traduce en máis de 5,2 millóns de euros con respecto ao vixente.
Ten a súa maior variación no capítulo de gastos correntes, cunha suba do 10%, provocado polo maior custo da enerxía, e tamén no capítulo de gasto en persoal, onde a institución empregará 35 millóns de euros, un 5% máis que neste 2022. Aínda que non son os únicos apartados nos que aumenta o gasto, xa que tamén o fan investimentos reais: 11 millóns fronte aos 10 actuais.
A institución tomou esta decisión ratificándose no incremento da recadación en impostos directos, onde espera obter 5 millóns, pero tamén en impostos indirectos, onde prevé un 4% máis que o ano pasado. Iso si, o maior ingreso chega por transferencia corrente do Goberno central, terá unha contía de 75,7 millóns de euros --o 83,24% do importe total--.
Así as cousas, do mesmo xeito que xa pasou no pleno de setembro, a sesión plenaria non estivo exenta de polémica. O pasado mes os socialistas defendían unha crítica que manteñen ano tras ano: "As subvencións nominativas e a repartición desequilibrada entre municipios é vixente dependendo da cor política".
Naquel entón, o portavoz do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, criticaba que "son moitos" os concellos gobernados pola súa formación que "non teñen dereito a unha subvención nominativa", unha crítica que este venres reiterou o viceportavoz da formación, Nacho Gómez.
Así mesmo, volveu a denunciar que os municipios do PSOE, "a pesar de contar cunha proporción de poboación igual que outros concellos, reciben unha décima parte menos de subvencións".
No pleno de setembro, os socialistas cualificaron a repartición de "a dedo, discrecional" e "clientelar", e afearon que "a transparencia brilla pola súa ausencia", votando en contra.
Este venres tampouco deron o seu voto favorable --igual que o BNG-- e Gómez defendeu as alegacións impulsadas polo grupo provincial contra os orzamentos da Deputación, coas que pedían "unha execución de fondos acomodada á legalidade e unha distribución equitativa do diñeiro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.