Inés Portela, e o oficio da gestom cultural entre fogons

O percorrido de Inés Portela é muito interesante para Cobrantas porque desde o anonimato, desde a sombra que é impossivel sem luz fai e desfai projectos arredor dos músicos e das músicas. Xoven, valente, preparada, aceptando erros e acertos, aceptando desafios e cuma forte potencia interior que a leva desde a casa familiar a dar pê e ponher pedrinhas na gestom cultural em Galiza. Pode ter o orgulho de que a sua família apoia a Inés num oficio pouco convencional e assim Inês converte-se numa profesional coidadora mas nom amamantadora, numa profesional que vem de cerna da sensibilidade com a madeira ou da comida feita na cozinha de lenha. Aqui vos deixo um prazer de entrevista com esta facilitadora de aczons musicais e delicada mao para dar de comer.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 11/11/2014

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Inés Portela con Xosé Manuel García, presentador do programa de CRTVG 'Come e Fala', e o cociñeiro Mark Wernink

Bem sei que voçê canta e comezou a sua trajectória musical dando-lhe passo á voz. Donde tá a Inés cantora hoje em dia.

Pois a Inés cantora só aparece na intimidade. Por suposto sígome interesando polo canto, e aínda que non sexa o meu oficio, creo que de poucas cousas me podo alegrar tanto como de ter comezado a estudar canto no seu día no Conservatorio Folque de Lalín (xa que o que podo ser hoxe en día sono gracias a todo o que aprendín alí), pero o certo é que souben, creo que dende sempre, que esa non ía a ser a miña profesión. 

A min os escenarios gústanme, pero dende a parte de atrás. Ese traballo na sombra, pero tan necesario para que un espectáculo saia ben, é o que a min me gusta.

Pero o canto sempre está ahí presente, aínda que sexa só para min. A música, e sobre toda as músicas cantadas, non poden faltar na miña vida. Cando vou conducindo, cando estou con amigas....incluso cando cociño.

Cómo forom os teus inícios e primeiros intereses na produçom musical em Galiza.?

Creo que de sempre me interesou este “mundiño”, aínda que non o sabía. A música sempre foi unha das aficcións da miña familia. Durante os veráns meus pais sempre nos levaban a festivais de música e concertos, e aínda que entón non o sabía, sempre na miña cabeza me imaxinaba en como farían para organizar todo aquelo. ¿Cantos días levarían montando este escenario? ¿e quen organizaría todo esto...?

Sería anos máis tarde, gracias de novo ao Conservatorio Folque de Lalín que non solo me aclararon estas dúbidas senón que me permitiron ir coñecendo de primeria man estes traballos de organización e producción musical. E de feito, o meu primeiro traballo como tal nesta área foi como representante do xa desaparecido grupo Bonovo. Óscar Fernández, zanfonista de Bonovo, xa por aquel entón era o mestre de zanfona do Conservatorio Folque, e como éramos bos amigos, el mesmo me ofreceu traballar con eles como representante da banda.
 

552139_396151673825712_999837618_n

Inés Portela nun ensaio de Sergio Tannus

Agora mesmo a qué se dedica a tua atividade fundamentalmente. Fala-nos da tua empresa e qué andas a argalhar.

Tento seguir dúas liñas de traballo. Dende Mada Producións realizo un traballo dirixido á xestión cultural. Realizo proxectos culturais integrais, que non só teñen porque abarcar a música, realizando programacións de pequenos ciclos, xornadas culturais, eventos puntuais....para calquera tipo de cliente público ou privado. Para estas programacións polo xeral conto con varios proxectos musicais cos cales estou colaborando. Non vou a chamarlle “representación” pois non mantemos un compromiso de exclusividade (creo que non están os tempos para este tipo de compromisos...tanto polo ben da empresa como, sobre todo, polo ben dos músicos), pero si son bandas coas que me sinto cómoda traballando, polo que procuro incluílas nas miñas programacións e axudarlles na medida do posible na búsqueda de concertos. Aínda que si é certo que últimamente estou moi centrada en dous proxectos : Germán Díaz e Trim.

A outra liña de actuación é a que levo desenrolando dende hai case 7 anos. Alá polo 2008 comecei  a traballar man a man co músico de jazz galego Xacobe Martínez Antelo. O que intentantamos é exportar o jazz galego (especialmente Sumrrá) fóra das nosas fronteiras. É un traballo complicado, pois non é sinxelo sair, pero de momento xa realizamos xiras por 10 países con tres bandas de jazz diferentes.

En canto a que ando a argallar...neste último ano, sobre todo, estou tentando adicarlle máis tempo a este tema de exportación musical, debido á crise cultural que vexo que estamos a sufrir neste país. Tamén estou moi ilusionada cunha serie de proxectos que andamos a facer no Pazo do Faramello, un pazo cercano a Compostela.  Hai varios meses que tiven a inmensa sorte de coñecer ao actual xerente e propietario do Pazo que, ademáis de ser unha persoa maravillosa, ten moitísimas ganas de traballar e invertir en cultura, algo bastante inusual entre as empresas galegas, polo que é un auténtico luxo encontrarte con alguén así. Polo de agora estamos comezando con uns pequenos Encontros Musicais no mes de xuño, acabamos de clausurar unha exposición de arte asiática que foi un auténtico éxito, e xa estamos comezando coa seguinte exposición que está centrada no viño.

E así, pois agardo que para o próximo 2015 poidamos seguir con estas actividades no Faramello, e tamén coa exportación musical, sobre todo co novo proxecto de Germán Díaz, que nolo seleccionaron para realizar un showcase no WOMEX este ano e foi un auténtico éxito.

Como vês o mundo da gestom cultural que te rodea, os inconvintes e as ventajas de trabalhar neste campo no 2014.

Con sinceridade...véxoo mal! Creo que a palabra apropiada para definir a situación actual é “impotencia”. Dende a miña humilde opinión creo que temos a inmensa sorte de pertencer a un país que desborda cultura. Dende a música, ao teatro, cine, literatura, danza....temos artistas de moitisima calidade en tódolos ámbitos da cultura. Hai unha capacidade de creación inagotable. Pero por desgracia, non o sabemos explotar.

Agora din que é pola crise, que hai que recortar e que como non, a cultura é o primeiro sector no cal recortar, pero eu só creo que a crise o que fixo foi agrabar o problema, un problema que xa sempre estivo ahí.  Durante anos dende o sector público fomentouse un concepto de cultura gratuíta, porque eso era o que enchía plazas e conseguía votos. Agora, que non hai diñeiro, pídennos que busquemos patrocinios na privada, pero en xeral non teñen interese en promocionar esta cultura porque nunca o tiveron que facer.

En xeral, o sector público non ten interese pola cultura galega e as empresas privadas, tampouco. Encheselles a boca falando de Industria Cultural pero nin eles mesmo se creen que realmente a cultura poida ser unha industria e unha fonte de negocio.

¿As vantaxas? Pois ver a mangífica capacidade que teñen os artistas ante as vicisitudes, que lonxe de amilanarse, precisamente en tempos de crise é cando máis creación cultural hai. É increíble ver e escoitar novas propostas, ideas.... E sobre todo, o máis emocionante, é ver que a pesar de todo, si hai aínda xente que segue a valorar todo esto. Cando organizas unha actividade á cal non che queda máis remedio que cobrarlle 10 ou 15 euros de entrada e aínda así ves que hai xente que os paga ilusionada....eso non ten prezo!
 

552139_396151673825712_999837618_n

Inés Portela de xira por México con Marcelino Galán Sexteto

E cómo vives o Ser Mulher á hora de tratar com músicos, políticos, gestores, ténicos de cultura. Hà muita diferenciaçom de género posto que tu eres "chica" jovem como quem di recêm chegada.

Quizais me atopo máis problemas polo de “xoven” que polo de “chica”. A gran maioría das compañeiras de profesion son tamén mulleres, polo que por esa parte creo que políticos e técnicos de cultura (once creo que si abundan máis o sexo masculino) están bastante afeitos a atoparse con mulleres neste sector. Pero polo de xoven si que máis dunha vez se me me intentou tomar o pelo. Máis dunha vez me teño atopado con quen confunde xuventude con ser parva...

Pero por ser muller, coido que nunca sentín que se menospreciase o meu traballo nin moito menos. Si coincide que os artistas cos que traballo son case todos homes (por non decir todos...) porque en Galicia creo que é algo que nos falta por conquistar ás mulleres: os escenarios. Pero con todo teño que decir que a pesar de ser todos homes, nunca tiven ningún problema. Son todos moi boa xente! Ata me sorprende a confianza que chegan a depositar no meu traballo, algo que noto sobre todo cando saímos de xiras internacionais. Non deixa de ser ben curioso viaxar cun grupo solo de homes, onde a “xefa” (como me soen chamar de broma...) non só é a única muller senón que ademáis, é a máis nova do grupo. É algo que se agradece, realmente, ver que confían tanto. É unha responsabilidade, pero tamén se agradece.

Qual é o mais grande muro que atopas á hora de levar um projecto adiante sem ajudas institucionais, e com ajudas?

Buf! Teño que decir só un? hahahaha

Cando se trata dun proxecto privado, sen axudas institucionais, o principal problema é atopar empresas en Galicia que entendan que a cultura tamén pode ser unha forma de promocionar os seus productos e servizos. Por non contar que na maioría dos casos non entenden a proposta que lles presentas e tampouco amosan interese ningún en chegar a entendela. Por eso cando atopas a empresarios que valoran o teu traballo, é un auténtico placer.

Logo está o traballo de prensa e difusión do proxecto, algo imprescindible sempre, pero sobre todo cando é un proxecto que se financiará case totalmente (ou totalmente) coa recadación de taquilla. É moi necesario sempre chegar ao público para que coñezan a túa proposta, pero claro, os medios de comunicación están saturados (cada vez menos personal nas redaccións, pero máis cousas que contar...) por eso esa é outra complicación. Pero con todo...creo que últimamente estamos conseguindo facernos oír e o certo é vemos que dun tempo para aquí sobre todo, a prensa nos está tratando moi ben. Non nos podemos queixar...

No caso de proxectos con axudas institucionais....pois non sabería que decir, porque na actualidade case é unha utopia (ou sen o case...). O presuposto do que dispoñen as administracións públicas para cultura é case inexistente, polo que é moi complicado ou case imposible, que patrocinen algo. A non ser que se trate de algún proxecto que se comezara a realizar “nos anos de bonanza” e que como funcionou, seguen apostando por el, que invirtan en novos proxectos... é case imposible.

O que a min persoalmente “me vai salvando” é a facilidade que me soen dar os músicos cos cales traballo á hora de negociar os orzamentos e adaptarse ás condicións que se presenten. Na gran parte dos casos se non fose por eso...sería imposible realizar proxectos. Non só os músicos, senón outros profesionais como técnicos de son, fotógrafos, deseñadores, xornalistas...

Consideras que os músicos em Galiza jà vam conhecendo mais e dándo-se conta do que custa a parte de atrás antes de subir a um palco?

Hai de todo...pero na súa gran maoría, coido que si. Hai que ter en conta que ata non hai moitos anos a maioría dos músicos eles mesmo se tiñan que buscar e organizar os seus concertos, por eso valoran que haxa unha persoa que lle quite polo menos parte dese traballo.

Polo que a min respecta si que vexo un respeto polo meu traballo, máis é certo que aínda quedan nalgúns subconscientes resquicios dese pensamento de que “non é tanto traballo”. Por exemplo, cando falo cunha nova banda que me queren amosar o seu traballo para ver se quero traballar con eles, é bastante sinxelo descubrir que era o membro ou membros da banda que se encargaban dese traballo de representación. Sábese facilmente porque son as persoas que máis te escoitan e que despois durante o trato e negociacións máis comprensivos son.

Pero tampouco chega a ser máis preocupante...Polo menos nunca me topei co típico artista que pensa que os representantes ou xestores vivimos do seu traballo e que non facemos nada.

Qué lembranzas tes do desaparecido Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalim onde passa-ches muito do teu tempo?

É certo que a música xa me gustaba dende ben pequena, pois sempre na miña casa estivo moi presente, pero para min o Conservatorio Folque de Lalim foi todo. Nese Conservatorio pasei seis magníficos anos nos cales aprendín todo o que sei agora.  Puiden achegarme á música e á industria musical como non me tería sido posible en ningún outro sitio, xa que a aprendizaxe non só era  teórica, senón tamén práctica.

Pero sobre todo, o factor humano é o que máis me marcou. Ofreceume a posibilidade de estar en contacto directo con moitos dos artistas máis importantes da música galega, artistas que pasaron de ser mestres a auténticos amigos e amigas cos cales aínda me manteño en contacto. Alí aprendíamos todos de todos!

Eu pasei 6 anos alí e podo decir que non gardo nin un só mal recordo, o que xa é moito decir. Todo o que vivín no Folque de Lalín aproveiteino e disfruteino. E todo o que vivín alí me sirve cada día para o meu traballo e para a miña vida.
Se nos referimos xa a temas máis concretos e menos “sentimentales” o Conservatorio foi a miña porta directa a este mundo da industria cultural, xa que como dixen anteriormente foi Óscar Fernández, mestre de zanfona, o que me deu a primeira oportunidade para traballar de representante dunha banda súa.

Podes ver uma diferenciaçom de público entre o rural galego e a cidade ou vilas, em qué notas diferência, crês que hà?

Eu non creo que haxa moita diferencia. Quizais si que o público do rural, curiosamente, noto que é algo máis receptivo á hora de presenciar calquera actividade cultural, probablemente porque teñen menos oferta, entón asisten a toda programación que se lle leve ás súas aldeas, sen menospreciar nada.

Nas vilas hai (ou había ata non hai moito, polo menos) tanta oferta cultural que si pode ser que moita xente se comezase a saturar. Con tres ou catro concertos interesantes na mesma noite na mesma cidade... ¿que podes facer? Acabas optando por quedar na casa...

Pode ser que o público do rural sexa máis aberto e menos temeroso á hora de interactuar ou incluso de criticar o que acaba de ver diante dos propios artistas... hahahaha
Son diferencias moi sutiles, pero no fondo....cando o artista ofrece algo de calidade, da igual de onde sexas que emocionar, emociónaste por igual.

Qual é força á qual te agarras para continuar?

Primeiro, ver como desfruta o público. Cando pasas días e horas peleando por sacar adiante unha programación, que chegue o día da representación e ver como a xente o desfruta...eso non ten prezo. Pensar que estiveches traballando para conseguir que esas persoas desconecten dos seus problemas e desfruten por un par de horas...eso da ganas de facer máis.

Segundo, o agradecemento dos artistas, que entenden que se estivo realizando un traballo para axudar a promocionar o seu talento e bo facer. Encántame pensar que non solo lles estou facilitando unha plataforma para dar a coñecer a súa obra, senón que tamén lle estou ofrecendo unhas condicións de traballo dignas. Ou polo menos todo o dignas que permita o presuposto, pero sempre decente. (Eso de querer pechar un quinteto por 500 euros...a min non me vai!)

E por último, pero non por elo menos importante, a confianza plena de que en Galicia hai un potencial cultural que xa quixeran moitos países para si. E non me refiro só á música tradicional. Temos grandisimos músicos de jazz, de rock, clásicos, actores e actrices, artistas plásticos, escritores... e se nós mesmos non traballamos por dalo a coñecer...¿quen o vai a facer?


Ugia Pedreira - Cobrantas

Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.

Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ugia Pedreira Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço “para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade”. A Central Folque