O pico da gripe aínda se pode demorar unha ou dúas semanas

Sanidade non contempla por agora máis vacinacións masivas de nenos e insta os pais a levalos aos centros de saúde

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 30/11/2022 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) cre que o pico da tempada de gripe, que inicialmente estaba previsto para finais de novembro ou principios de decembro, aínda "pode estar máis preto" da semana que vén "ou da seguinte".

Así o explicou este mércores durante unha visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen aproveitou as preguntas dos medios para animar ás familias a vacinar aos nenos de ata 59 meses (menos de cinco anos).

"Non temos claro que o pico xa chegase", recoñeceu o conselleiro. Por iso, asegurou que o Sergas seguirá traballando non só nos "plans de continxencia" para cando chegue este máximo de infeccións, senón tamén "na vacinación", con especial fincapé na infantil.

Así, instou aos pais a inocular co antigripal aos seus fillos polo seu "dobre labor" protector, xa que diminúe os efectos graves da enfermidade nos menores e axuda a frear a transmisión ás persoas vulnerables da súa contorna.

E é que o proceso de vacinación dos nenos contra a gripe arrincou o pasado fin de semana nos hospitais, unha experiencia que tivo "moi bo resultado" (uns 5.000 pequenos acudiron á cita) porque conseguiu "mellorar moito a porcentaxe" de adherencia.

"Os datos reflicten que practicamente nun día obtivemos os mesmos datos de vacinación, nalgún caso, que cinco ou sete días de vacinación en centros de saúde", destacou o conselleiro.

A pesar desta experiencia positiva, o Sergas non contempla polo momento volver realizar este chamamento masivo de nenos aos hospitais. Neste contexto, García Comesaña anima aos pais que aínda non levasen aos seus fillos a vacinarse a que vaian con eles aos seus centros de saúde e fágano.

O conselleiro aproveitou a súa visita ao CHUO para felicitar "unha vez máis" ao persoal de vacinación da área sanitaria, que volveu innovar "con iniciativas como os disfraces de superheroes e outros personaxes infantís para así facilitar a inxección aos máis pequenos, que non é "nada sinxelo ás veces".

Vacinación a un neno
Vacinación a un neno | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta