As pegadas do Prestige

A conmemoración da traxedia do Prestige orixinou un conxunto de análises, debates e achegas que serviron para lembrar a transcendencia do sucedido e sinalar a necesidade de promover políticas preventivas ante unha eventual repetición de algo parecido.

Por Xesús Veiga | Compostela | 01/12/2022

Comparte esta noticia
A pesar da polifonía de voces rexistradas, asistimos a un estrondoso silencio. A reacción do PP non estivo á altura da importancia do acontecido hai 20 anos e non se correspondeu coa súa condición de partido gobernante no Estado e na Xunta cando o Prestige apareceu, dramaticamente, na historia contemporánea galega. Aínda que Aznar e Fraga dispuñan dunha contundente maioría absoluta  nos respectivos Parlamentos non foron quen de xestionar a crise coa mínima eficacia que cabía esixir e fixeron unha exhibición obscena de prepotencia e carencia de empatía cos milleiros de persoas afectadas no plano material e/ou no ámbito emocional. Tendo en conta a circunstancia de que Núñez Feijoo formou parte do Consello da Xunta dende febreiro do 2003 e agora é o presidente estatal do seu partido, tería unha boa oportunidade para demostrar a capacidade de autocrítica que se lle supón a un candidato a ocupar a cadeira da Moncloa. 
 
A todos os creadores de opinión que, dende os medios conservadores, non perden ocasión para descualificar as maiorías que se configuran no actual Congreso, alegando unha suposta ingobernabilidade, habería que pedirlles unha reflexión comparativa entre aqueles tempos de incompetencia e soberbia que se vivían nos despachos oficiais de Madrid e Santiago e a recente traxedia provocada pola pandemia sanitaria. Tendo presente os elementos diferenciais entre ambos asuntos -singularmente, a circunstancia de que o accidente do Prestige era mais previsíbel que a aparición do virus da COVID- a conclusión resulta indiscutíbel: as maiorías absolutas do ano 2002 non foron suficientes para asegurar a solvencia da xestión gobernamental e ficaron convertidas nunha coartada argumental para xustificar o labor dos responsábeis públicos.
 
A experiencia do Prestige ofrece moitas ensinanzas que teñen sido recollidas por diversas persoas que se involucraron activamente hai agora dúas décadas: a vulnerabilidade da costa galega ante unha deficiente lexislación estatal e internacional que non garantía a seguridade requirida no tránsito marítimo; a inexistencia de medidas preventivas que deberían ser adoptadas despois das catástrofes anteriores (Urquiola, Mar Exeo, Casón...); a importante reacción social artellada arredor da plataforma Nunca Mais; a exemplar mobilización solidaria protagonizada por milleiros de voluntarios e voluntarias procedentes doutros territorios estatais e europeos; a insatisfactoria sentenza xudicial e a escandalosa demora para acceder ás compensacións económicas  das empresas armadoras e aseguradoras...
 
Na dimensión estritamente política, o Prestige deixou unha pegada certamente relevante. Por unha banda, provocou o desgaste electoral do PP nos comicios municipais do ano 2003, nos xerais de 2004 e na cita galega de 2005. Aínda que cabería agardar unha maior intensidade nese devalo rexistrado nas urnas -sobre todo no propio resultado acadado por Fraga na súa derradeira comparecencia electoral (37 escanos sobre 75)- abriuse indiscutibelmente un novo ciclo na política estatal e tamén na galega. Ademais, a crise aberta pola marea negra foi utilizada para eliminar a Xosé Cuiña da carreira sucesoria de Fraga: na coñecida liorta interna que se viña desenvolvendo entre os baróns do PPdG, Aznar, Rajoy e Romay aproveitaron a conxuntura para colocar a Feijoo na primeira liña do posfraguismo. O Prestige tamén arruinou as novidosas relacións que se estableceran ao remate do ano 2001 entre Fraga e o líder da oposición, Xosé Manuel Beiras. Nunca saberemos se a continuidade daquel inédito clima instaurado na vida parlamentar podería ter provocado consecuencias relevantes na dinámica electoral galega. O presidente da Xunta renunciou a desempeñar un papel autónomo a respecto do goberno de Aznar e asumiu sen complexos as consecuencias de semellante subordinación.
 
Cabe sinalar unha última circunstancia chamativa neste breve repaso polos impactos políticos do Prestige. O BNG -que, naquel momento, mantiña a hexemonía opositora conseguida nas eleccións de 1997 aínda que dispuña dos mesmos escanos que o PSdG- tivo unha influenza notábel na xestación e mantemento do histórico proceso de mobilización social que se coñeceu a partir da catástrofe. A pesar desta evidencia, nos comicios de 2005, a organización nacionalista perdeu 4 deputados e os socialistas gañaron 8, conformándose unha relación de forzas (25-13) que resultou determinante na estrutura e composición do bipartito saído daquela consulta. Pasados moitos anos, apenas existen análises que permitan explicar semellante fenómeno tan paradoxal. A menos que se estableza como principal factor causal a vitoria de Rodríguez Zapatero nas eleccións xerais de 2004, derrotando nidiamente a Mariano Rajoy.

Voluntarios recollen nas praias aves afectadas polo chapapote do 'Prestige'
Voluntarios recollen nas praias aves afectadas polo chapapote do 'Prestige' | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.