Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/12/2022 | Actualizada ás 22:00
Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA). Esta enfermidade aínda segue estando estigmatizada a día de hoxe. E por se non fose suficiente para o paciente ter que enfrontarse á sintomatoloxía da propia doenza, que altera o seu modo de vida e o obriga a medicarse a diario, ten que soportar o rexeitamento de certos sectores da sociedade.
Así as cousas, e para tratar de mellorar a súa situación clínica e de vida na medida na que sexa posible, hai profesionais, como o doutor Antonio Antela, xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) que non se cansan de investigar, propoñer solucións e baraxar novas formas de actuación.
De feito, sen ir máis lonxe, este xoves concedéronlle un dos Premios de Investigación sobre VIH e outras ITS 2022, polo seu artigo 'Redefinindo o éxito terapéutico nos pacientes con VIH: a visión dun experto' (no que tamén participaron Antonio Rivero, Josep M. Llibre y Santiago Moreno)
O artigo trata da visión que teñen os expertos sobre a necesidade de redefinir o éxito no tratamento do VIH, tal e como o título indica. E "naceu dunha inquietude que tiñamos algunhas persoas que levábamos moitos anos coidando de pacientes que tiñan VIH, eu en concreto levo 32", explica a Galicia Confidencial o doutor Antela. "Pensabamos que coa definición de éxito terapéutico vixente non era suficiente", afirma.
E cal é a definición de éxito terapéutico actual? Pois segundo expón, "básicamente manter unha supresión da replicación vírica prolongada, recuperar a situación inmunolóxica e alexar ao paciente dos problemas clínicos e, ademais, todo iso en ausencia de pagar ningunha 'peaxe' pola toxicidade do tratamento e sen que aparezan resistencias do propio virus ao tratamento".
Con todo, a día de hoxe, tal e como se amosa convencido este experto, hai que ir un paso máis alá, "xa que os pacientes agora teñen unha expectativa de vida moi cercana á poboación actual, é dicir, envellecen como nós, aqueles que os estamos a coidar, pois manifestan patoloxías propias do envellecemento, o que chamamos comorbilidades e que requiren de actuacións concretas".
Por iso, para o doutor Antela está claro que "non podemos conformarnos con ver aos nosos pacientes e comprobar que teñen a carga vírica estable e que se están tomando o tratamento, senón que tamén debemos actuar contra as súas patoloxías: hipertensión, patoloxía cardiovascular, diabetes, patoloxía do sistema nervioso central (tanto na esfera psiquiátrica como no deterioro cognitivo) e outras novas patoloxías que están aparecendo nos últimos anos, como pode ser a ganancia de peso, a estomatite non alcólica ou a disfunción sexual". Anto todo iso habería que redefinir o éxito do tratamento.
Mais, como redefinir ese éxito? "Para ter unha definición de consenso reunímonos catro coordinadores, eu como líder, e convencemos a 28 compañeiros de profesión, todos eles cunha abundante experiencia na materia de alo menos 15 anos (entre os 32 acumulaban máis de 600 anos adicados aos coidados de pacientes con VIH) para ir explorando os aspectos nos que basar a nova definición", explica o tamén profesor da USC. De ahí saíron catro puntos fundamentais na redefinición do éxito do tratamento:
1.- EFICACIA:
Elixir fármacos que sexan eficaces, en calqueira situación, segundo precisa o doutor Antela, é dicir, "teña o paciente unha carga vírica moi elevada, uns linfocitos CD4 moi baixos ou sexa diagnosticado tardíamente". E, ademais, "obviamente esa eficacia ten que ser comprobada nun ensaio clínico previo".
Dentro deste aspecto, plantexáronse o feito de ter controlada a replicación vírica, pois así a persoa que padece VIH non será trasmisora e, polo tanto, eso tamén é positivo non só no caso de que teña parexa estable seronegativa, senón tamén para reducir a circulación do virus na sociedade e as novas infeccións, en consecuencia.
"Nese aspecto, o fármaco que se utilice de entrada debe ser robusto", afirma o especialista, que engade que "se o paciente ten un fallo de cumplimento da súa toma, como pode pasarlle a calquera cando se trata de tomar un tratamento de por vida, e a carga vírica se fai detectable, iso non lle xere unha perda de eficacia polo desenvolvemento de resistencias".
2.- INICIO RÁPIDO:
Dende 2015 e a raíz dos resultados de dous ensaios clínicos internacionais, as normas para iniciar o tratamento contra o VIH cambiaron, no senso, segundo apunta o doutor Antela, de que "debe tratarse a todos os pacientes no momento no que se lles diagnostica, e non esperar a que teñan certo grao de inmunodepresión".
Pero agora, tras a revisión, aínda apostan por ir un paso máis alá, sendo máis "esixentes": "decidimos que debemos tratar ao paciente como máximo nun prazo que non debe superar os 15 días despois da chegada ás nosas consultas". E é que considera que as consultas dos especialistas en atención a persoas con VIH de toda España teñen a tecnoloxía suficiente como para ter todas as probas necesarias para empezar o tratamento sen que iso conleve ter que esperar máis tempo.
Ademais, puntualiza que "debemos comezar o tratamento con fármacos que non requiran de especificidade, como aqueles que non se poidan dar ante determinadas variantes xenéticas, ou que non se poidan dar se o paciente ten hepatite B, ou con determinada carga vírica... etc, etc, porque para iso habería que agardar polos resultados desas probas". Polo tanto, iso tamén acota os fármacos que se poden elixir de entrada para comezar canto antes o tratamento.
3.- SEGURIDADE:
Todos os fármacos usados, lóxicamente, deben ser seguros, non tóxicos, nin a curto nin a longo prazo, sobre todo tendo en conta que, segundo nos indica o doutor Antela, cada vez se están descubrindo máis toxicidades novas.
4.- FACILIDADE DE TOMA:
A simplicidade á hora de consumir un medicamento é algo fundamental. "Canto máis sinxelo sexa o tratamento a tomar, máis doado é que o paciente o tome de forma continuada e se adecúe a el", afirma o profesional médico. Hoxe por hoxe, o 'sumun' da sinxeleza é tomar unha pastilla ao día, mais dentro de pouco haberá fármacos de longa duración, pois os primeiros xa foron aprobados este mesmo xoves polo Ministerio de Sanidade, e serán accesibles nas consultas a partir do mes de xaneiro.
Estos fármacos adminístranse pola vía intramuscular cada oito semanas, o cal, sen lugar a dúbidas, mellorará a toma dos pacientes e reducirá tamén o seu estigma social, pois non terán que verse expostos a ter que consumir unha pastilla diaria diante doutra xente cando non lles queda outro remedio.
5.- CALIDADE DE VIDA:
Ademais de estar ben físicamente, os pacientes con VIH deben gozar dunha boa calidade de vida, en consideración do doutor Antela. E para saber se a están tendo, "hai que medilo, non basta con que nolo digan". "Se lle preguntamos a dez persoas que é para eles a calidade de vida, todos nos dirán algo distinto, pois é algo subxectivo, así que hai que medila con cuestionarios que usamos nos ensaios clínicos e que tamén debemos incorporar na práctica clínica diaria", sentenza.
E é que non por ter unha carga vírica indetectable quere dicir que os pacientes están estupendamente, hai que preguntarlles se en realidade están ben ou teñen algún problema, preguntarlle o que lle fai falla e aportar solucións ás súas problemáticas.
Todas estas recomendacións non caerán en saco roto, como soe dicirse, senón que con toda seguridade serán adoptadas pola maioría das unidades monográficas de atención a persoas que viven con VIH do noso país, porque tamén van en liña coas recomendacións oficiais, pero engaden novas aportacións para cubrir lagoas existentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.