Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2022 | Actualizada ás 19:22
A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de gaivota afectados por gripe aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
En concreto, tres gaivotas foron detectadas na mesma localización, na parroquia de Morás, no Concello de Xove, e unha cuarta foi atopada no Concello de Sada.
Ao tratarse de tres individuos detectados na mesma localización, considéranse un único foco notificable, polo que se elevarían a 24 o total de focos reportados desde Galicia en aves silvestres.
A Xunta explicou que se trata de catro gaivotas patiamarillas (Larus michahellis) recollidas no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve o Goberno galego. Os exemplares foron achados mortos e trasladados aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros e do Veral, onde se realizou a preceptiva toma de mostras seguindo o protocolo establecido. Os cadáveres foron eliminados de acordo aos procedementos de xestión autorizados.
A nivel do Estado, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas: anátidas como patos, cercetas ou gansos, aves de presa como falcóns ou gavilán e outras especies de distintas familias de aves como cegoñas, pombas ou gaivotas.
Durante este ano 2022, un total de 13 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres das que o mascato continúa polo de agora sendo a especie de máis frecuente detección, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas comunidades do litoral cantábrico e atlántico: Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía.
A Xunta lembrou novamente que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que "por un principio de bioseguridade básica", recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente.
A detección de gaivotas infectadas, aves máis ubicuas e de hábitos máis terrestres que os mascatos, supón un aumento no nivel de risco de aparición da enfermidade nas aves domésticas, polo que a Consellería do Medio Rural lembra a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridad nas explotacións avícolas, de calquera tipo, comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.