Temas: MúSICA

“Musicalizar” o mar de Martin Codax

Martin Codax, o trobador da Ría de Vigo, inspirouse na poética do mar para compoñer as súas cantigas de mulleres namoradas e legou un documento de inestimable valor para a historia da literatura galego-portuguesa, o Pergamiño Vindel. No centenario do seu descubrimento, o compositor vigués Juan Eiras ofrécenos un poema musical contemporáneo arredor de seis cantigas de amigo de Martin Codax, recollidas en dito pergamiño.

Por Ursula Neilson | Vigo | 15/11/2014 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

'Rumbo a San Simón' / Foto: www.flickr.com/photos/juantiagues/14308626829
'Rumbo a San Simón' / Foto: www.flickr.com/photos/juantiagues/14308626829
O compositor vigués Juan Eiras

O mar introducirase na Orquestra Sinfónica Vigo430 a través da electrónica, acompañado polas voces do barítono Eliseu Mera e da soprano Beatriz Riobó. A estrea de “Laberinto Azul (I). Poemario Vindel - Martín Codax in memoriam” será este domingo 16 ás 21:00 horas no Teatro García Barbón de Afundación, Vigo.

Foi en 1914, fai cen anos, cando un libreiro madrileño atopou un pergamiño que resultaría ser clave na historia da literatura galega. Fora usado no século XVIII para forrar un volume de Cicerón, seguindo a práctica, habitual na época, de empregar pergameos medievais para a encadernación de libros posteriores. E alí estaban, na parte interior das tapas de De officis, as sete cantigas de Martin Codax: o Pergamiño Vindel, como se lle nomeou posteriormente, en honor ao seu descubridor, dito libreiro Pedro Vindel.

"Laberinto Azul (I) non é unha adaptación"

Este domingo 16 estréase “Laberinto Azul (I). Poemario Vindel - Martin Codax in memoriam”, unha conmemoración musical da descuberta do valioso pergamiño, obxecto de estudo de investigadores por ser unha de tan só dúas mostras atopadas da canción profana galaico-portuguesa coa notación musical e a letra.  

Isto fai que a importancia do Pergamiño Vindel sexa literaria mais tamén musical, polo singular feito de que seis das súas sete cantigas conservan a notación musical coa que eran cantadas. O compositor vigués Juan Eiras transcribiu estas notas á notación moderna antes de crear a súa propia obra inspirada nas composicións de Martin Codax: “Labirinto Azul (I).”  Falamos con el para saber máis sobre a obra e o proceso de creación.

En “Labirinto Azul (I)” poderemos escoitar todas as cantigas do Pergamiño Vindel?

“Labirinto azul (I). Poemario Vindel -Martin Codax in memoriam” non é unha adaptación ou instrumentación das sete cantigas de amigo de Martín Codax ao estilo dos “Carmina Burana” de Karl Orff. A miña obra toma como punto de partida o Pergamiño Vindel e as relacións textuais e hipertextuais que nel se producen.

552139_396151673825712_999837618_n

O Pergamiño Vindel (Pierpont Morgan Library, NovaYork, Vindel MS M979) / Foto: www.realacademiagalega.org

"Hai que coñecer o sistema notacional medieval"

As cantigas de amigo eran breves composicións medievais en galego-portugués nas que unha muller namorada canta a un amigo, habitualmente ausente. Juan Eiras seleccionou partes das cantigas do trobador Martin Codax para lograr maior efectividade poética en “Labirinto Azul (I)”, que na súa estrea será cantada polo barítono Eliseu Mera e a soprano Beatriz Riobó, xunto á Orquesta Sinfónica Vigo430.

Contar coas notacións musicais de Martin Codax axudouche á hora de compoñer, ou mais ben complicou o proceso de creación? 

Neste caso, as notacións de Martin Codax servíronme como modelo de inspiración para crear e desenvolver os diferentes xestos musicais que aparecen na obra. O primeiro que tiven que facer, foi analizar en detalle o pergamiño, o cal implicaba transcribir á notación moderna as seis cantigas de amigo.

Que dificultades presentan as notacións medievais para a súa interpretación por un músico hoxe en día?

Unha das primeiras dificultades que atopamos é que hai que coñecer o sistema notacional medieval. Imaxino que haberá outras, aínda que atenden máis ao campo da especulación. No meu caso non foi un problema, porque aprendín dun dos maiores especialistas que hai en Galicia nesta materia: Joám Trillo.

552139_396151673825712_999837618_n

Juan Eiras

"Consigo darlle ao mar contido harmónico"

O resultado deste proceso creativo de Juan Eiras poderemos escoitalo este domingo 16 no Teatro García Barbón de Vigo. Aquí nada está posto ao chou, nin o cando, xa que estamos no centenario da descuberta do pergamiño Vindel; nin o onde -na obra de Martin Codax hai alusións continuas a Vigo-;  nin o quen, sendo Juan Eiras vigués e ademais un dos compositores galegos con máis proxección na actualidade. Todo estaba moi pensado cando a comezos do verán a Orquestra Vigo 430 contactou con Eiras para encargarlle esta obra, a súa interpretación persoal do Pergamiño Vindel.

Como introduces a electrónica en “Laberinto Azul (I)”?

A electrónica é un elemento poético importante dentro da dramaturxia de Labirinto azul (I). Emprego sons do mar captados en tres ambientes diferentes, aos cales lles aplico distintos procesos de síntese e que proxecto a través dos altofalantes no piano e no bombo. Deste modo, consigo darlle ao mar contido harmónico, dende un punto de vista espectral, onde a enerxía de cada frecuencia proxectada nos instrumentos musicais reciben as resonancias destes. Eu entendo este proceso como unha forma de “musicalizar” o mar de Martin Codax.

Na obra de Martín Codax hai referencias continuas a Vigo; o feito de ser desta cidade facilitouche o proceso de creación de Labirinto Azul (I)?

O feito de compartir cidade, aínda que descoñecemos moitos datos biográficos do trobador galego, foi neste caso unha motivación adicional. Penso que non podía ser doutra forma, que o encargado de escribir unha obra para a conmemoración do descubrimento do Pergamiño Vindel, non fose vigués. Para min é un motivo de orgullo que a Concellería de Cultura do Concello de Vigo, a través da Orquestra Sinfónica Vigo430 pensaran en min como a persoa axeitada para tal cometido.

Por que o título, Labirinto Azul (I)?

En concreto, fago referencia ás vicisitudes que o folio pergamiño sufriu dende as súas orixes. “Azul” emprégoo en alusión á relación que Martin Codax mantén co mar de Vigo.

O título da composición dá a entender que haberá máis Labirintos

Si, haberá máis... Cando estaba no proceso de documentación da obra, cheguei á conclusión de facer un ciclo de tres composición adicadas aos trobadores do mar, aos que lle foi adicado o Día das Letras Galegas de 1998: Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. Polo tanto, "Labirinto azul (I). Poemario Vindel" é a primeira deste ciclo.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta