Sexualidade, a gran silenciada no cancro de mama

Nove de cada dez mulleres con esta enfermidade e o 100% das súas parellas presentan disfunción sexual, segundo un estudo no que participaron a USC e a UDC. Os expertos piden prestar atención ao sexo como parte da recuperación. Galicia é a terceira autonomía con maior taxa de cancro de mama por 100.000 habitantes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/12/2022 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Rebecca Stewart é guionista e directora de cine erótico feminista. Aos 28 anos foi diagnosticada dun cancro de mama. Foi a partir de aí, durante o proceso de recuperación tras a operación dun peito e os impactos da quimioterapia, cando se decatou de que a enfermidade e os tratamentos tiñan un efecto colateral na súa sexualidade. Coa quimioterapia perdeu a libido pola redución dos estróxenos e secura vaxinal, e as relacións íntimas coa súa parella deixaron case de existir, até que un día, necesitada de axuda para bañarse, impedida para mover un dos seus brazos tras a intervención, a súa parella empezou a lavala e comezou a descubrir outro tipo de sexualidade a través daquel baño.

Cancro de mana
Cancro de mana | Fonte: GETTY.

Esa é a historia persoal que decidiu mostrar en ‘Wash me’ (‘Lávame’), unha curtametraxe que pretende concienciar sobre a complexidade da sexualidade nas mulleres con cancro de mama e rachar cos silencios e tabús sobre o sexo nestas pacientes, as súas parellas, as súas contornas e na sociedade en xeral. Como di Rebecca, a enfermidade levouna primeiro “case a odiar” o seu corpo e, logo, a redescubrir a súa sexualidade e “volver conectar e gozar del”.

O 76,6% das mulleres con cancro de mama tiña baixa saúde física e o 54,2%, baixa saúde mental, mentres que o 100% das súas parellas tiña unha saúde física e mental aceptable

Rebecca non é a única. Como ela, milleiros de mulleres con cancro de mama padecen esoutro impacto silenciado que é o deterioro da súa saúde sexual. Por isto, expertos dos departamentos de Psicoloxía das universidades da Coruña (UDC) e Santiago de Compostela (USC), e do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá, colaboraron nunha investigación co Euromentalcare de Portugal para determinar a calidade de vida e a satisfacción sexual nunha mostra de 389 mulleres con cancro de mama que se someteron a un tratamento cirúrxico e de 366 homes que foron parellas destas mulleres.

Elas e eles foron avaliados por dez psicólogos adestrados que avaliaron a calidade de vida e a satisfacción sexual dos participantes. Tamén se recolleron datos sobre as variables sociodemográficas, diagnóstico e tratamento nas mulleres participantes, relación coa súa parella, ansiedade e depresión e imaxe corporal.

Os resultados deste estudo mostraron que o 76,6% das mulleres con cancro de mama tiña baixa saúde física e o 54,2%, baixa saúde mental, mentres que o 100% das parellas destas pacientes tiña unha saúde física e mental aceptable.

SAÚDE FÍSICA E MENTAL

Os preditores do estado da saúde física destas mulleres foron os meses transcorridos desde a cirurxía, o tratamento actual, os tratamentos rematados, a satisfacción coa relación actual coa súa parella, a menor ansiedade e depresión e mellor imaxe corporal. Os preditores da saúde mental foron os meses transcorridos desde o diagnóstico e a finalización do tratamento, a satisfacción co apoio da parella durante a enfermidade, a menor ansiedade e depresión e unha mellor imaxe corporal. En canto aos preditores da saúde física e mental das súas parellas, foron unha menor ansiedade e depresión.

Ademais, o 88,4% das mulleres e o 100% das parellas presentaban disfunción sexual. Os preditores da satisfacción sexual das mulleres foron ser maiores, a satisfacción coa súa relación coa súa parella antes de padecer a enfermidade, a menor ansiedade e depresión e unha mellor imaxe corporal. Os preditores da satisfacción sexual das súas parellas foron o apoio psicolóxico/psiquiátrico, a satisfacción coa súa relación actual coa súa parella e a menor ansiedade e depresión.

O 88,4% das mulleres e o 100% das súas parellas tiñan disfunción sexual; a maioría das pacientes (84,3%) non abordou a sexualidade con profesionais da saúde

A idade media destas mulleres con cancro de mama que se someteron a tratamentos cirúrxicos era de 50,6 anos, a maioría (54%) tiña entre un primeiro e un segundo ciclo de estudos, tiña emprego (61,7 %), estaban casadas ​​(97,4%) e tiñan fillos (83,0%), Mentres, os homes parellas destas mullereres tiñan unha idade media de 53,7 anos e a maioría (61,7%) tiña primeiro ou segundo ciclo de educación e estaban empregados (58,7%).

De media, estas mulleres foran diagnosticadas 53,6 meses antes de someterse a este estudo e foran operadas, de media, 47,4 meses antes. A maioría (68,1%) foi sometida a mastectomía e reconstrución mamaria, cuxo tempo medio de reconstrución foi de 18 meses de media. Para os tratamentos iniciais do cancro, a maioría (62,0%) tiña unha combinación de varios tratamentos. A maioría (72,0%) informou ter xa completado os tratamentos, de media, 28,2 meses antes desta enquisa. Para as que aínda non os completaran, o tratamento era maioritariamente (12,6%) quimioterapia.

Ao analizar os principais efectos secundarios derivados dos tratamentos, o máis frecuente (71,2%) foi a caída do cabelo. Descubriuse que o 58,6% estaba actualmente en menopausa e o 73,0% buscara apoio psicolóxico/psiquiátrico.

En canto aos datos clínicos das súas parellas, comprobouse que o 18,6% buscara apoio psicolóxico/psiquiátrico.

ELAS E ELES

Sobre as súas relacións, o 73,8% das mulleres consideraba que antes da enfermidade tiña unha relación moderadamente satisfactoria ou moi satisfactoria coa súa parella masculina; esta porcentaxe baixou até o 63,8% despois do cancro.

Máis da metade das mulleres, o 57,6%, afirmou que o apoio recibido da súa parella durante a enfermidade foi moderadamente ou moi satisfactorio. A maioría (84,3%) recoñeceu que non abordou a sexualidade con profesionais da saúde; o 74,3% non estivo implicado na elección dos tratamentos e o 80,7% non puido compartir a súa experiencia con outras mulleres.

Nas parellas destas pacientes comprobouse que o 53,5% consideraba que antes da enfermidade tiña unha relación moderadamente satisfactoria ou moi satisfactoria coa muller, 20 puntos por baixo da opinión delas. Esa porcentaxe foi practicamente a mesma despois de detectarse o cancro, cun 53,2% de homes que relatou unha relación actual moderadamente ou moi satisfactoria, dez puntos por debaixo da opinión delas. Esa mesma porcentaxe declarou que o apoio que lle prestaron a súa parella durante a enfermidade foi moderadamente ou moi satisfactorio.

O 61,2% das mulleres con cancro de mama presentaba un posible caso de ansiedade, o 25,2% de depresión e o 40,4%, unha percepción máis negativa da súa imaxe corporal

Finalmente, o 61,2% das mulleres con cancro de mama presentaba un posible caso de ansiedade, o 25,2% un posible caso de depresión e o 40,4% unha percepción máis negativa da súa imaxe corporal. Nas súas parellas comprobouse que o 64,8% tiña un posible caso de ansiedade e o 27,0% un posible caso de depresión.

Ao analizar os factores relacionados coa percepción da saúde física das mulleres, foron determinantes os meses transcorridos desde a cirurxía, non estar sometida a tratamentos, a satisfacción coa relación actual coa súa parella, sufrir ou non ansiedade e depresión, ademais da súa

En canto á percepción da súa saúde mental, foron significativos os meses transcorridos desde o diagnóstico, rematar os tratamentos, a satisfacción co apoio da parella durante a enfermidade, sufrir ansiedade ou depresión e a propia percepción da imaxe corporal.

No caso dos homes parellas de mulleres con cancro de mama, do conxunto de potenciais preditores da súa saúde física e mental destacan a ansiedade e depresión como significativos.

DISFUNCIÓN SEXUAL

A puntuación media da satisfacción sexual nas mulleres con cancro de mama foi pobre. De feito, o 88,4% presentaba disfunción sexual. Nos compañeiros masculinos, o 100% presentaba disfunción sexual

Ao analizar simultaneamente os factores relacionados coa satisfacción sexual das mulleres, mostráronse como determinantes a idade, a satisfacción coa súa relación coa súa parella antes da enfermidade, ansiedade, depresión e imaxe corporal. No caso das súas parellas, foron significativos o apoio psicolóxico/psiquiátrico, a satisfacción coa relación actual coa parella, ansiedade e depresión.

"As parellas tamén pasan por un proceso de adaptación á nova imaxe corporal e restrinxen as súas necesidades sexuais polo sufrimento psicolóxico da parella e polo medo a causarlle algún sufrimento"

O feito de que o 88,4% das mulleres e o 100% das súas parellas informen disfunción sexual neste estudo coincide coa literatura científica, que “é unánime na presentación de alteracións na vida sexual das mulleres con cancro de mama, chegando a unha interrupción na vida sexual”, apuntan os responsables desta investigación.

“Algunhas explicacións para isto están asociadas aos problemas físicos ou psicolóxicos derivados da alteración da imaxe corporal e das sensacións de pracer asociadas á estimulación dos peitos, ou aos efectos secundarios do tratamento cirúrxico, como a perda de cabelo, o aumento de peso e as cicatrices”, explican.

Os resultados obtidos neste estudo tamén suxiren que "as parellas tamén pasan por un proceso de adaptación á nova imaxe corporal das súas parellas e restrinxen as súas necesidades sexuais polo sufrimento psicolóxico da parella e polo medo a causarlle algún tipo de sufrimento físico ou revivir recordos do cambio na forma do peito”, proseguen estes expertos.

Con todo, matizan, “este achado debe interpretarse con cautela, debido a que a investigación demostra que preto do 50% dos homes podería ter algún grao de disfunción eréctil previamente”, polo que “se precisan estudos futuros que avalíen a presenza dunha disfunción sexual ou condición física previa”.

MÁIS SATISFACCIÓN CANTO MÁIS MAIORES

Un resultado moi salientable deste estudo é que unha idade máis avanzada nas mulleres foi un preditor de maior satisfacción sexual. Isto, segundo os investigadores, é consistente coas investigacións que mostran que as mulleres mastectomizadas máis novas teñen un maior risco de desenvolver disfunción sexual e unha maior dificultade para adaptarse á súa nova imaxe corporal”.

 O apoio psicolóxico é importante para unha mellor aceptación da imaxe corporal da muller e unha maior satisfacción sexual”

Outro preditor que destacan é a maior satisfacción coa súa relación coa súa parella antes da enfermidade, “porque a comprensión da parella, a existencia dun vínculo forte e a comunicación asertiva axudan na xestión do proceso de renegociación sexual que segue a experiencia oncolóxica”, comentan.

En canto á ansiedade e depresión como predictores da satisfacción sexual, subliñan que “a ansiedade interfire coa atención prestada ás respostas fisiolóxicas e que a depresión diminúe o interese pola sexualidade”. Mentres que unha mellor imaxe corporal percibida tamén é “un predictor de maior satisfacción sexual” nelas.

APOIO PSICOLÓXICO

No caso das súas parellas, destacan que “recibir apoio psicolóxico/psiquiátrico está asociado coa satisfacción sexual”. Nese sentido, explican que “o apoio psicolóxico é importante para unha mellor aceptación da imaxe corporal da muller e unha maior satisfacción sexual”.

Ademais, os homes máis satisfeitos coa súa relación coa súa parella con cancro tiñan máis probabilidades de experimentar satisfacción sexual. “Un forte vínculo entre ambos e a comunicación asertiva axuda a parella a determinar os factores axeitados necesarios para a satisfacción sexual”, comentan os expertos.

En resumo, “os resultados deste estudo suxiren que son necesarias intervencións dirixidas a aumentar a calidade de vida e a satisfacción sexual en mulleres con cancro de mama sometidas a tratamentos cirúrxicos e nas súas parellas”, conclúen os investigadores, que avisan de que “o asesoramento emocional e sexual durante o tratamento do cancro debe incluír a parella” e non só a paciente.

NOVE DE CADA DEZ, INSATISFEITAS

Outro estudo previo realizado en España revelou tamén que nove de cada dez mulleres con cancro de mama din ter peor vida sexual que antes da enfermidade. E, con todo, como lamentan os seus autores, “a sexualidade é unha gran esquecida nas consultas de oncoloxía, xa que non se acostuma preguntar por ela”.

Falta de desexo, dificultade para poder excitarse, diminución da lubricación e máis dor na penetración son os principais problemas

De feito neste estudo “a cuestión sexual avaliouse como a máis baixa en termos de satisfacción vital” destas mulleres.

Así, o o 90% das mulleres que participaron nesta investigación manifestaron que a súa vida sexual mudara desde que apareceu o cancro. Os principais problemas que confesaron ter foi falta de desexo, dificultade para poder excitarse, diminución da lubricación e, como consecuencia de todo, máis dor na penetración. Iso sen contar que nas mulleres con dobre mastectomía e sen cirurxía reconstrutiva aumenta a probabilidade de ter disfunción sexual e peor autoestima.

CONSELLOS

A Sociedad Española de Oncología Médica (SEOM) recomenda que a saúde sexual debe abordarse como parte do tratamento para mellorar a calidade de vida das mulleres con cancro. E estas intervencións deben darse desde un equipo multidisciplinar (oncoloxía, xinecoloxía, enfermaría, psicoloxía e sexoloxía).

A Sociedade Americana contra o Cancro tamén recomenda buscar apoio en profesionais, particularmente a mulleres máis novas con cancro de mama, xa que “algúns estudos suxiren que as mulleres máis novas adoitan ter máis problemas para adaptarse á ansiedade que causa o cancro de mama e o seu tratamento e estas mulleres tamén poden sentir illamento social”. Pero, ademais, “as mulleres máis novas tamén poden verse máis afectadas por asuntos relacionados coa sexualidade ou a fertilidade”.

Galicia é a quinta autonomía con máis casos rexistrados anualmente de cancro de mama e a terceira en taxa per cápita

Pola súa banda, a Sociedade Estadounidense de Oncoloxía Clínica recomenda a mulleres con cancro, en xeral, o uso de humectantes e lubricantes vaxinais, terapia física do chan pélvico, dilatadores vaxinais, baixas doses de estróxeno vaxinal, o uso da hormona dehidroepiandrosterona intravaxinal ou de lidocaína vaxinal para mellorar as relacións sexuais.

DATOS DO CANCRO DE MAMA

Segundo o GEICAM (grupo de investigación en cancro de mama), estímase que unha de cada 8 mulleres en España padecerá esta enfermidade e  é o tumor máis frecuente entre elas, por diante do cancro colorrectal, de útero, de pulmón e de ovario.

En España diagnosticáronse 34.353 casos de cancro de mama en 2021, segundo cifras do Observatorio de la Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). A evolución de casos detectados é crecente. Así, no ano 2015 foron 31.761 e desde entón a cifra seguen aumentando.

Por comunidades autónomas, Andalucía, Cataluña e Madrid son as que máis casos rexistraron en 2021: 5.872, 5.476 e 4.852, respectivamente. Galicia, con 2.233 casos, ocupou a quinta posición, por detrás da Comunidade Valenciana (3.654).

Con todo, en taxa per cápita, as maiores cifras de cancro de mama detectado por cada 100.000 habitantes sitúanse no terzo noroeste da península, concretamente, por esta orde, Asturias, con 8,72 casos por 100.000 habitantes; Cantabria, con 8,36; Galicia, con 8,29, e Castela e León, con 8,11.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta