A Xunta aproveita a semana da ponte para aprobar cinco grandes parques eólicos en tres días

Aprobou a declaración de impacto ambiental de tres o luns e este mércores aprobou a doutros dous.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/12/2022 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da declaración de impacto ambiental de dous novos parques eólicos.

Situados entre os concellos de Agolada (Pontevedra) e Antes de Ulla (Lugo), o primeiro, e entre Mazaricos, Negreira e Outes (A Coruña), o segundo, suporán un investimento total de máis de 67 millóns de euros, con 17 aeroxeradores e 67 megawatts (MW) de potencia instalada.

En concreto, o parque eólico Estivada, promovido por Green Capital Power, estará situado en Agolada e Antas de Ulla e contará con oito muíños e un total de 36 MW de potencia instalada. Para iso, a empresa investirá máis de 28 millóns de euros.

A Xunta considerou "viable" desde un punto de vista ambiental o proxecto, sempre que cumpra cunha serie de condicións establecidas na resolución, que teñen que ver coa protección da atmosfera, das augas e os ríos, do chan ou da xestión de residuos, entre outras.

Na mesma situación atópase o parque eólico Banzas, promovido tamén por Green Capital Power entre Mazaricos, Negreira e Outes. Esta infraestrutura suporá un investimento de máis de 39,6 millóns de euros para instalar 9 aeroxeradores cunha potencia total de 31,1 MW. A Consellería tamén ve viable desde o punto de vista ambiental o proxecto, sempre que cumpra con certas características.

Precisamente, estas dúas novas aprobacións chegan despois de que o pasado luns tamén a Xunta dese o visto e prace ás declaracións de impacto ambiental doutro tres parques eólicos situados nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (A Coruña), Irixo (Ourense) e Lalín (Pontevedra) e Laza e Vilar de Barrio (Ourense), respectivamente.

Parque eólico de Greenalia
Parque eólico de Greenalia | Fonte: Greenalia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta