A Coruña e Lugo, as cidades galegas nas que máis caeu 'O Gordo' de Nadal

Cada galego gastará no Sorteo unha media de 71 euros, que se eleva a 77,7 para os residentes na provincia da Coruña e a case 90 para os de Lugo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2022 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O vindeiro xoves, 22 de decembro, os bombos do Sorteo Extraordinario de Nadal volverán virar para repartir 2.520 millóns de euros en premios, entre eles o máis cobizado, 'O Gordo', dotado con catro millóns de euros á serie e que todos os fogares confían en acertar.

Persoal de mantemento despraza un dos bombos do Sorteo Extraordinario de Nadal no Teatro Real de Madrid
Persoal de mantemento despraza un dos bombos do Sorteo Extraordinario de Nadal no Teatro Real de Madrid | Fonte: Gustavo Valiente - Europa Press.

Aínda que tradicionalmente Galicia non foi a comunidade máis agraciada, o gasto en Lotaría por habitante está por enriba da media estatal e creceu considerablemente en relación ao ano pasado. Así, segundo os datos de consignación por habitante da Sociedade Estatal de Lotarías e Apostas do Estado, os galegos gastarán de media 71,16 euros neste sorteo, 7,34 euros máis que a media e tres euros e medio máis que o investimento do ano pasado. Os datos definitivos, no entanto, coñeceranse cando se reciban as devolucións de boletos non vendidos.

No entanto, o investimento dos galegos neste sorteo é desigual. Así, a provincia de Lugo é a que prevé un maior gasto, de case 90 euros por cidadán, o que supón 6,15 euros máis que en 2021. Pola súa banda, os coruñeses desembolsarán 77,75 euros, 5,42 euros máis que o ano pasado.

Pola contra, na provincia de Pontevedra estímase un gasto per cápita de 63,22 euros, fronte aos 61,82 de 2021. Á cola de gasto en boletos para o sorteo está Ourense, onde se calcula que o investimento será de 51,60 euros por persoa, 76 céntimos máis que o ano anterior.

Deste xeito, Lotarías e Apostas do Estado calcula que a poboación galega comprará un total de 959.052 billetes, a maioría deles na provincia da Coruña onde se estima a venda de 435.470 boletos.

DATOS HISTÓRICOS

En canto aos datos históricos, as provincias nas que hai un maior investimento en Lotaría coinciden coas capitais nas que máis veces tocou 'O Gordo'.

En concreto, A Coruña é a cidade galega máis agraciada, dado que nela recaeu este premio en sete ocasiones, en 1903, 1958, 1974, 2003, 2012, 2014 e 2018. Así mesmo, Lugo recibiuno en cinco ocasiones, 1974, 1976, 1988, 2014 e 2018.

Vigo, pola súa banda, recibiu tres 'Gordos' na historia deste sorteo, mentres que Pontevedra e Santiago foron agraciadas dúas veces e Ourense e Ferrol unicamente unha, neste último caso nunha data tan afastada como 1915, o que implica que os ferroláns levan máis dun século sen recibir 'O Gordo'. Entre as localidades pequenas que máis chaman á sorte destaca Carballo, onde o primeiro premio caeu en tres ocasións.

Por provincias, o máximo premio do Sorteo Extraordinario de Nadal recaeu 21 veces na provincia da Coruña, 10 na de Lugo, 14 en Pontevedra e dúas en Ourense. As 47 veces que 'O Gordo' tocou en Galicia en toda a historia do sorteo, con todo, queda moi por baixo da cifra da cidade de Madrid, unha urbe que foi agraciada 82 veces.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta