GC Aberto

Chegando á casa

Unha reflexión sobre a voadura da torre de refrixeración de Meirama.

Por admin | Vigo | 23/12/2022

Comparte esta noticia

Cando un volve de viaxe xa se comeza a sentir na casa, aínda que non entre pola porta en sentido literal, cando recoñece certos lugares ou natureza, próxima, que o acolaron desde pequeno, desde o comezo. Cando cruzas o Barcés alá pola Ponte Lago e pasas polo Panteón, cando recoñeces o sitio onde está a fonte do Pincho, xa que esta xa non está moi visible (é dicir, se non sabes onde está non saberías que alí hai fonte) ou cando pasas polo carreiro que vai dar á leira do Outeiro; dependendo da dirección na que te aproximes, estás na casa.

Anxo Mena. Cedida.
Anxo Mena. Cedida.

Ás veces, antes de ver estes lugares, esa sensación de chegada xa se ten cando se recoñecen accidentes xeográficos, montes, vales, en definitiva, a contorna que move o ar do que respiraches e respiras con familiaridade. Por desgraza, moi a miúdo ou máis a miúdo do que nos gustaría, eses montes, os meus e supoño que os vosos, son moi doados de identificar xa que levan carteis ou parafernalia, luminosa ou non, que berra e chama por ti dende lonxe para que poñas os ollos e saibas que estás chegando a casa. Un retorno que dende a conciencia, polo menos a min, faime agachar a cabeza derrotado polo seu presente e a súa presenza.

No meu caso particular, se chegas por tren ou barco e ves ao lonxe o Petón, arriba no Xalo, coas súas antenas que esconden as rochas, sabes que alí rematan As Mariñas e que de alí cara o sur xa non é a túa comarca e que nunha ladeira da banda Este está a túa casa. Se chegas por coche, o que todas e todos identificamos, ou dende o ceo, saíndo de Lavacolla ou entrando por Alvedro, é a icona da barbarie, familiar, recoñecible, omnipresente na liña do horizonte. Meirama e a súa torre de refrixeración. A outra cheminea, a longa, a de cores vermellas e brancas en bandas horizontais, só se ve despois, sabes que está alí, pero eclipsada polo monstro, aínda que o fume que desta saía era máis inocuo en comparación co veleno da súa irmá estilosa e alta.

É o xeito de sentirse na casa que me xera máis desasosego, contemplar a barbarie e saber que alí nesa mesma construción, aos seus pés, queda marcado o teu lugar: a mina de lignito como ferida propia, a súa queima como o bafo que nos engule e o parche de auga que tenta tapar o crime e é o noso castigo, as historias do avó sobre as cereixas do val de Barcia previas ao monstro térmico… É recoñecer a atrocidade na propia casa, onde moras. Esta é a impresión primeira, unha constatación da derrota, aínda que despois veña o remorso e o orgullo da loita dos veciños das Encrobas que só vivín en diferido.

A torre de refrixeración foi voada hoxe (21/12/2022) e a outra cheminea ten data para a súa desaparición, próxima, palpábel. A primeira voou polos aires igual que o vapor que botou, e deixou de ser. Estar estará, porque dubido que se me vaia da mente o punto da montaña onde se aloxou por máis de 50 anos e dende que teño uso de razón. Ese punto seguirá sendo, non estando, pero sendo, como seguen sendo as feridas que deixa recoñecibles aos seus pés coa complicidade dos que mandan e permiten.

Central térmica de Meirama
Central térmica de Meirama | Fonte: Pilar Ponte - Arquivo

Este punto continuará a ser sen dúbida un comezo recoñecíbel da chegada á casa e por desgraza, parece que ameazan con poñer outros referentes xeodésicos que sigan a facer identificable o monte, a cabeceira do val, máis alá do seu propio perfil, da súa simple existencia. 

A ameaza duns eólicos que aproveiten a infraestrutura eléctrica presente, a explotación eléctrica da poza das encrobas, é palpábel e próxima. Chantarán nese mesmo horizonte liberado outros puntais que sosteñan o seu modelo de vida, de consumo, de explotación. Poñerán outros símbolos sinónimos do anterior que nos permitan recoñecer na chegada a casa o espírito de loita que nos debe acompañar e no que seguimos nesta parte sur da comarca das Mariñas. Estes símbolos aínda non están postos, a atrocidade non está feita materia e eu xa identifico no seu lugar a loita cando chego á casa.

Anxo Mena  /  18/12/2022

Licenciado en Ciencias do Mar e Doutor pola Universidade de Vigo, ademais de Investigador especializado en Xeoloxía Mariña e Paleoceanografía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta