Declaracións ambientais desfavorables sobre os parques eólicos de Ourol e Oza-Cesuras e negativa sobre o de Beariz

Son iniciativas que promoven Sociedade Eólica de Ourol, Greenalia e Galenergy

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/01/2023 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores tres declaracións de impacto ambiental, dúas delas desfavorables e unha negativa, correspondentes a parques eólicos planificados para as provincias de Lugo, Ourense e A Coruña.

O primeiro dos anuncios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación do parque eólico Vilachá, nos concellos de Muras e Ourol.

O documento resolve como desfavorable esta declaración de impacto ambiental, que corresponde a unha ampliación que promove a Sociedade Eólica de Ourol S.L.U.

En concreto, é a Dirección Xeral de Patrimonio Natural a que informou de que o estudo de impacto ambiental "presenta carencias acusadas que impiden dar por válida a identificación, descrición, análise e/ou cuantificación feita dos posibles efectos significativos do proxecto sobre o conxunto de elementos do patrimonio natural e a biodiversidade".

POLA SAÚDE E A CONTORNA

O segundo anuncio ten que ver co proxecto de Campos Lanuxes, en Beariz e Boborás, de Greenalia Wind Power. Neste caso, formúlase declaración de impacto ambiental negativa.

A resolución recolle que se concluíu, "segundo se indica en diversos informes" e en particular no da Dirección Xeral de Saúde Pública e no da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que "o proxecto pode ter repercusións negativas sobre a saúde da poboación e non é compatible coa preservación dos valores naturais da contorna".

MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO

Por último, o DOG tamén recolle unha declaración de impacto ambiental desfavorable ao proxecto de Fontella, en Aranga e Oza-Cesuras, nos termos propostos polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos. Esta iniciativa é de Galenergy.

"Despois de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental e á vista do que se desprende do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en canto aos efectos significativos do proxecto sobre a reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, considérase que a actuación proxectada non é ambientalmente viable", recolle o texto.

Eólicos de Paradela
Eólicos de Paradela | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta