Morre o mozo apuñalado nunha liorta en Santiago no mesmo día en que envían a un dos detidos a prisión

O outro arrestado, aínda ingresado, quedou en situación de 'liberdade policial' ata que a súa situación clínica permita tomar algunha decisión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2023 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O mozo de 31 anos apuñalado durante unha liorta ocorrida á primeira hora do pasado día 2 en Santiago de Compostela faleceu este mércores, na mesma xornada na que a xuíza de garda enviou a prisión a un dos detidos por este suceso.

O home permanecía ingresado na UCI do Hospital Clinico de Santiago en estado moi grave a consecuencia das puñaladas recibidas no transcurso da pelexa, na que tamén resultou ferido un dos agresores.

Os feitos sucederon á primeira hora da mañá do día 2 de xaneiro en Santiago de Compostela, á altura do número 15 da rúa Santiago de Chile, cando se iniciou unha pelexa entre varias persoas.

Segundo puido determinar a investigación, dous mozos encaráronse na vía pública con outros dous e emprenderon unha pelexa a navalladas que se saldou cun ferido moi grave, un home de 31 anos que, finalmente, non puido superar as lesións e faleceu.

O mozo foi evacuado en ambulancia polo 061 ata o Hospital Clínico de Santiago, onde permaneceu ingresado en UCI ata este mércores.

Ademais, na pelexa tamén resultou ferido un dos agresores, que foi trasladado ao hospital polos axentes que acudiron á súa vivenda a detelo. Un segundo novo tamén foi detido por esta liorta e permaneceu nos calabozos da Policía Nacional en Santiago.

INGRESO EN PRISIÓN

Precisamente, este mércores pasou a disposición xudicial un dos detidos por este caso, que foi enviado a prisión pola maxistrada do xulgado de Instrución número 1 de Santiago, en funcións de garda.

En concreto, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o home foi remitido a prisión comunicada e sen fianza por un delito de tentativa de homicidio/asasinato, aínda que o falecemento da vítima obrigará a cambiar esta cualificación a homicidio/asasinato.

En canto ao outro arrestado, aínda permanece ingresado no hospital, polo que quedou en situación de 'liberdade policial' ata que a súa situación clínica permita ao xulgado tomarlle declaración e resolver a súa situación procesual.

Zona acordoada onde acharon a un mozo de 31 anos ferido tras ser apuñalado durante unha pelexa
Zona acordoada onde acharon a un mozo de 31 anos ferido tras ser apuñalado durante unha pelexa | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta