O custe dos lumes en Galicia: a Xunta destina o dobre de cartos en publicidade que en crear un equipo de investigación

A Consellería do Medio Rural comeza o ano con varios contratos para mercar ou alugar medios de contención do lume. Unha política moi criticada pola oposición que reclama "máis prevención", mentres que a Xunta presume das aldeas modelo como xeito para parar grandes incendios.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia arde ano tras ano. O cambio climático, as prolongadas secas, a actividade de pirómanos e a falta dunha política clara de loita contra os incendios contribúen a que milleiros de hectáreas se queimen cada campaña nas catro provincias galegas. Só o pasado ano arderon case 54.000 hectáreas en máis de 1.600 lumes forestais.

Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel
Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

 

E que fai a Xunta para tentar afrontar esta pandemia medioambiental?. A Consellería do Medio Rural leva anos inxectando millóns de euros en políticas de contención dos incendios. Unha política que é moi criticada pola oposición que pide "máis política de prevención e menos diñeiro para a industria do lume".

 

O conselleiro José González anunciaba en novembro que se duplicarán as brigadas helitransportadas públicas da Xunta, creando tres novas brigadas públicas que se sumarán ás xa existentes nas bases de Marroxo, Campiño e Vilarmaior. "Unha aposta decidida", dicía na Cámara galega, "por un dispositivo público que cada ano evidencia a súa profesionalidade e rigoroso traballo a prol dos montes galegos".

Labores de extinción dun incendio forestal que se orixinou na contorna da localidade de Ferreirós de Abaixo, no concello de Folgoso do Courel, a 12 de xuño de 2021
Labores de extinción dun incendio forestal que se orixinou na contorna da localidade de Ferreirós de Abaixo, no concello de Folgoso do Courel, a 12 de xuño de 2021 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

 

Ademais, anunciaba a creación dun novo grupo formado por profesionais especializados para a loita contra os lumes máis virulentos. Unha unidade de análise dos incendios que, dicía, "permitirá a acumulación de coñecemento, mellorando as accións a levar a cabo ante este tipo de incendios".  A Xunta investirá neste grupo de profesionias en 2023 un total de 700.000 euros.

 

1,3 MILLÓNS EN PUBLICIDADE

 

Unha cantidade que contrasta, e moito, cos 1,3 millóns de euros que custará a campaña de  promoción da prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais que Medio Rural acaba de abrir na súa plataforma de contratación. De feito, esta consellería xustifica esta gran cantidade de cartos públicos como parte do "Plan de Prevención do Pladiga" xa que entende que os anuncios nos medios de comunicación entran na estratexia de "minimizar os danos causados pola súa propagación".

 

Este contrato de Medio Rural non é o único para a campaña de loita contra os incendios. De feito, esta consellería comezou o ano con varios concursos, entre eles, 19 obras de tratamentos silvícolas para a prevención de incendios forestais por un valor de 4.826.771,91 con IVE. Tamén se incluíu outro concurso para a subministración de quince vehículos motobomba equipados para a prevención e defensa contra os incendios forestais por 4.202.904,75 con IVE e 18 servizos de retén de maquinaria pesada para a extinción de incendios forestais nos distritos forestais galegos por 3.554.958,40 con IVE.

 

En total, esta consellería destina case 14 millóns en concursos de medios de contención contra os lumes neste inicio de ano que se suman aos 13,3 para a contratación anual do servizo de oito helicópteros durante 5 meses ao ano ata o 2026.

 

A PREVENCIÓN

Ademais de contratos  millonarios en medios de loita contra os incendios, a Xunta insiste en que conta co Plan preventivo de Galicia. Un plan que consiste en traballar nunha superficie de máis de 58.600 hectáreas e 5.780 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación. Ademais, ao seu abeiro, construíronse 111 novos puntos de auga e acondicionáronse os 4.750 existentes.

 

A esta política "preventiva" da Xunta hai que sumar a posta en marcha de aldeas modelo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. De feito, o conselleiro suliñou que que precisamente as aldeas modelo de Osmo (Cenlle) e de Parada dos Montes (A Pobra do Brollón) "serviron de contrapunto e zona de ancoraxe" para defendelas dos incendios forestais rexistrados no verán. "Polo tanto, queda demostrado que os instrumentos habilitados na citada lei son efectivos para frear o avance dos incendios forestais, ademais de ser claves na posta en valor da terra e na xeración de actividade económica", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

A seguir plantando eucaliptos para as celuloses, até desertificar Galiza; enquanto enchem de dinheiro aos altos cortesáos madrilenhos e pagam os seus impostos em Madrid.