A confianza perdida

Hai case seis anos, Miguel Angel Fernández Ordoñez recoñecía que a confianza era o ben mais escaso dos mercados financeiros.Dende que o ex -gobernador do Banco de España pronunciou estas palabras o catalogo dos episodios vividos na esfera económica arruinou a pouca confianza que ficaba na reserva do sistema.As últimas referencias coñecidas sobre o caso Bankia pechan o círculo das infamias iniciado co expediente dos “cartóns black”:a saída das accións a Bolsa formou parte dun engano deliberado que contou coa complicidade activa ou pasiva das empresas auditoras, da CNMV e do Banco de España.Todo pola patria…do negocio.

Por Xesús Veiga | Compostela | 16/12/2014

Comparte esta noticia
Estamos ante unha evidente involución na clásica xerarquía dos valores que conforman as regras non escritas do capitalismo realmente existente.Se a “contabilidade creativa” anulou unha boa parte da transparencia empresarial, se as axencias avaliadoras perderon practicamente a súa credibilidade dende o estoupido das “hipotecas lixo” e se os organismos públicos reguladores incumpriron gravemente as súas obrigas, deberiamos preguntarnos se estamos ante síntomas relevantes dun colapso do propio sistema.Cando a desconfianza medra tanto no interior do “establishment” coma no seo das maiorías sociais que habitan en moitos territorios do Primeiro Mundo, hai que pensar que a coñecida expresión de Sarkozy –“compre refundar o capitalismo”- non é só a brincadeira retórica patentada por un persoeiro adicto aos titulares mediáticos. 
 
Nas dúas últimas décadas, as relacións entre o poder económico e o poder político (primeiro con Aznar/Rato, despois con Zapatero/Solbes e agora con Rajoy/Guindos) pivotaron sobre tres grandes premisas:mínima regulación dos mercados financeiros, máxima privatización do patrimonio empresarial público como forma de conseguir unha suposta mellora no nivel de competencia e aceptación da hipertrofia do sector da construción como motor principal do dinamismo económico.Había voces críticas, na economía e na política, que alertaban sobre a fraxilidade estratéxica dese modelo e sinalaban a consolidación e/ou medre das desigualdades na distribución da riqueza creada.Ademais de non ser tomadas en consideración polas correntes dominantes, rexistrouse unha espectacular fuxida para diante:os ciclos económicos eran un mal soño do pasado e o pleno emprego era un obxectivo susceptíbel de figurar no catálogo das promesas mais destacadas dos programas electorais.
 
Os dirixentes políticos aceitaron ser mais espectadores que actores no gran casino económico dos pasados anos.Algúns nin sequera tiveron complexos para asumir o papel de dar tabaco aos que protagonizaban as apostas principais.Mentres as cifras macroeconómicas do PIB, do desemprego, das taxas de xuro ou da inflación non ameazaban as expectativas da contabilidade electoral, non existían razóns para pensar nun eventual cambio de función na mesa do xogo.Agora, metidos no pozo dunha crise non prevista e de saída incerta, aparece a temida incógnita:dado que os banqueiros e demais familia financeira non se presentan ás convocatorias electorais, cómo enfrontar a lóxica indignación dos sectores sociais que xa recibiron os impactos da desfeita económica?
 
Cómo se recupera a confianza perdida?Descualificando como utópicos ou perigosos extremistas a quen, nos anos felices da expansión, non participaban na cerimonia triunfalista e sinalaban a cara oculta das boas cifras macroeconómicas?
 
Se todo o real fose racional sería incongruente apostar por unha saída pilotada por dirixentes políticos que non souberon ou non quixeron facer fronte aos desequilibrios do modelo dominante.O pertinente sería reflexionar sobre o que ten ocorrido no sistema económico para coñecer, con rigor, os camiños que non deben ser percorridos no inmediato futuro.E asumir o risco de tomar decisións cos recursos humanos, naturais e financeiros dispoñíbeis para crear mais e mellores bens e servizos públicos como vectores básicos dunha nova andaina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.