Sindicatos de Inspección de Traballo anuncian unha folga para o mércores que vén demandando máis persoal

"A día de hoxe, o cadro de persoal é de 239 persoas e necesitamos polos menos un 40% ou 50% máis, un cociente que vén da Organización Internacional do Traballo", din desde os sindicatos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

Os sindicatos con representación na Inspección de Traballo e Seguridade Social secundaron protestas na Coruña, Lugo, Vigo e Ourense, no marco dunha xornada de mobilizacións a nivel estatal, ante as sedes deste organismo, para esixir máis persoal e o cumprimento do acordo asinado en xullo de 2021. As protestas continuarán cunha xornada de folga convocada para o vindeiro mércores 25 de xaneiro.

Na comunidade galega, as carencias principais son "basicamente de persoal, sobre todo inspector", denunciou o representante da CIG en Inspección de Traballo, José Juan Fernández, durante a mobilización celebrada este luns na cidade herculina.

"A día de hoxe, o cadro de persoal é de 239 persoas e necesitamos polos menos un 40% ou 50% máis, un cociente que vén da Organización Internacional do Traballo e que a nivel estatal está moi lonxe de cumprirse", puntualizou.

Como consecuencia, segundo explicou Fernández, "non se deixa de inspeccionar nada pero os tempos vanse dilatando". "Hai expedientes que levan en trámite un ano, cando o normal e o legal sería seis meses máximo", engadiu.

CCOO, CIG, CSIF, Sitss, Sislas, UGT, UPIT e Usess, as organizacións convocantes, reprochan ao Ministerio de Traballo e Economía Social e ao Ministerio de Facenda e Función Pública a falta de avances no acordo asinado en xullo de 2021 e a deterioración dos servizos da Inspección ante a ausencia de medidas necesarias para corrixir as súas deficiencias.

Fernández incidiu en que ese pacto "daba satisfacción" ás necesidades dos ministerios, do cadro de persoal e contaba con respaldo económico e co aval de toda a normativa legal correspondente. "Ese acordo quedou no caixón do Ministerio de Facenda", apostilou.

CONVOCATORIAS DE PROTESTA

Tras a xornada de mobilizacións deste luns, nun total de 40 cidades españolas, o persoal está convocado a unha folga o mércores, 25 de xaneiro, que conta co respaldo de todos os sindicatos do organismo.

"Hai unha terceira convocada para o 22 de febreiro, pero non descartamos no medio seguir facendo calquera tipo de mobilización para tentar facer entrar en razón ao Ministerio de Facenda", avanzou o líder sindical, quen recalcou que por parte do Ministerio non din "absolutamente nada".

Concentración de persoal de Inspección de Traballo e Seguridade Social ante a sede do organismo situada na Coruña. CIG
Concentración de persoal de Inspección de Traballo e Seguridade Social ante a sede do organismo situada na Coruña. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta