Unha 'muralla' de 100 km de eólicos obriga ás aves a "grandes cambios de rutas" en Pontevedra

O alcade 'popular' de Vilasantar, Fernando Pérez, transmitiu á conselleira de Medio Ambiente a oposición unánime do Concello ao proxecto do parque eólico Abrente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural apunta que o parque eólico de Deva, na contorna da Cañiza, é o inicio dunha longa liña de eólicos que "suman máis de 100 quilómetros" ao longo do límite oriental da provincia de Pontevedra, o que provoca "unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de rutas".

Estes son algunhas das conclusións que recollen os informes ambientais, publicados este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), nos que se basea a Xunta, entre outras cuestións, para denegar os novos proxectos de Chan do Eixo (entre A Cañiza e Covelo), así como Suído I (Lalín, Dozón e O Irixo).

En concreto, o DOG publica este luns a aprobación da Xunta de sete declaracións ambientais máis de parques eólicos nas catro provincias, así como o rexeitamento doutros oito proxectos.

Estas resolucións forman parte das 140 que debe tramitar a Xunta con data límite deste martes, 24 de xaneiro, fixada polo Goberno, pola cal os parques que non conten con autorización ambiental perderán o permiso de acceso e conexión que concede Rede Eléctrica.

A pasada semana, o Goberno galego informaba de que levaba tramitadas 92 dun total de 140, 66 delas con resultado positivo e 26 negativas. Recentemente, ecoloxistas alertaban de ata unha perda do 80% en Galicia no que vai de século XXI de exemplares da elixida como Ave do Ano 2023, a tartaraña cinsenta.

PROXECTOS AUTORIZADOS E DENEGADOS

En concreto, os sete proxectos con autorización ambiental publicada este luns son: ampliación II de Serra do Faro (entre os municipios de Piñor, Cea, Dozón e Rodeiro); Meirama 76 (Cerceda e A Laracha); Alto da Telleira (A Cañiza e Covelo); Alvite II (Mazaricos, Negreira e Santa Comba); Serra do Colmo (Baralla e Becerreá); San Cristovo (Monterroso e Taboada) e Serra do Furco (Becerreá).

Aquí, si que autoriza o de Alto da Telleira, que está nesa liña de 100 quilómetros de eólicos na provincia de Pontevedra. Un proxecto con 35,3 millóns de euros para a instalación de 48 megawatts, que está impulsado por Alto da Telleira SL. Con todo, denégase o de Chan do Eixo, que sería unha "extensión" deste, pois Patrimonio Natural considera que "este efecto sinérxico e acumulado sobre a avifauna e os quirópteros produciría un impacto ambiental crítico sobre o patrimonio natural e a biodiversidade".

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente denega os de: Chan do Eixo (A Cañiza e Covelo); Laxabranca (Avión, Beariz e A Lama); Suído I (O Irixo, Dozón e Lalín); Alvite (Mazaricos, Negreira e Santa Comba); Órrea (Agolada); Vilacoba (Lousame); A Picota (Mazaricos) e Lama de Feás (Baltar, Os Blancos e Calvos).

REXEITAMENTO DE ALCALDE DO PP

Noutra orde de cousas este mesmo luns, o alcalde de Vilasantar (A Coruña), o popular Fernando Pérez, transmitiu á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a oposición unánime do Concello ao proxecto do parque eólico Abrente de cara ao futuro estudo do impacto ambiental. Igualmente, numerosos veciños presentaron as súas propias alegacións.

"Non podemos permitir que o avance cara a un sistema de enerxía renovable condene ao mundo rural e Vilasantar quede soterrada baixo a sombra dos eólicos, sobre todo tendo en conta que a nosa economía se basea no sector primario", asegura o rexedor do PP sobre un proxecto que prevé instalar cinco eólicos de 250 metros de altura.

Arquivo - Estudo da UPO sobre parques eólicos e aves. UPO - Arquivo
Arquivo - Estudo da UPO sobre parques eólicos e aves. UPO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta