O PP de Santiago ameaza con levar á Fiscalía o aluguer dunha nave propiedade do exconcelleiro de Medio Rural

Os 'populares' apuntan como culpable o alcalde e todo o seu goberno que "en poucas horas acumularon mentiras, contradicións e insultos".

Por E.P. | Santiago | 23/01/2023 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

Os populares composteláns avanzaron que trasladarán aos seus servizos xurídicos "toda a información" da que dispoñen sobre o aluguer da nave de Desproi, situada no Polígono Costa Vella e vinculada ao exconcelleiro de Medio Rural, ao Concello de Santiago para pola a disposición da Fiscalía Anticorrupción.

Nunha rolda de prensa convocada este luns, o candidato do PP á Alcaldía, Borja Verea, cualificou os feitos de "gravísimos" e lamentou que xerasen "unha vergoña que non merecen os composteláns". Para o popular, o culpable é o alcalde e todo o seu goberno que "en poucas horas acumularon mentiras, contradicións e insultos".

"Hai indicios demoledores de que non estamos ante un erro, senón ante unha trama organizada, que ten como obxectivo desviar fondos públicos a empresas amigas. Acábase de destapar á vista de todo o mundo o sistema clientelar dos gobernos de Bugallo", sentenciou.

O tamén deputado do PP no Parlamento de Galicia, lamentou que non obtivesen resposta a "preguntas concretas sobre esta trama". Entre elas, volveu a cuestionarse "por que a concelleira Mila Castro propuxo unicamente a nave propiedade do seu compañeiro concelleiro" e, neste sentido, "se llo indicou alguén, quen foi e por que". "Non pode levar esta responsable pública nin un día máis sen responder a estas preguntas", resolveu.

Ademais, Verea tamén preguntou "por que un membro do goberno de Bugallo ten unha empresa a medias con UGT" ou se "os beneficios desta empresa repartíronse a medias entre UGT e o exconcelleiro Pichel". "Como se chama a isto? Un home de palla?", insistiu.

Do mesmo xeito, pediu que se responda á pregunta de "a quen lle vendeu as accións e por canto", xa que, para o popular, "presuntamente, mentres non se respondan a estas preguntas, parece que estamos ante unha trama organizada na que Bugallo utiliza o diñeiro dos composteláns para que os seus amigos repartan o diñeiro".

Por iso, "ante a falta de respostas, ante as mentiras e contradicións e ante as informacións cada día máis graves", avanzou que trasladarán aos servizos xurídicos do partido toda a información coa que contan para que a poñan a disposición da Fiscalía Anticorrupción.

O BNG VE FEITOS "REALMENTE GRAVES"

Pola súa banda, a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, lamentou que esta situación fai lembrar "tempos pasados". A nacionalista ve un feito "grave" que "pasa a responsabilidade ética e de honestidade".

Así mesmo, Sanmartín destacou que a venda das accións de José Manuel Pichel da empresa coa que participaba na nave "prodúcese en setembro despois de aprobarse na xunta de goberno e con advertencias da intervención municipal". "Só busca un efecto tapadeira para pasarlle as accións a unha empresa de Unións Agrarias", relatou.

Nesta mesma liña, censurou que entregase esas accións "a grupos relacionados co socialismo e con UGT", xa que Desproi é propiedade ao 63,69 por cento doutra firma, Ribaterra S.L., que pertence a UGT-Galicia.

Ademais, Sanmartín non cre que o alcalde non tivese coñecemento da participación de Pichel na nave alugada, xa que, segundo a portavoz nacionalista, Bugallo "non dá puntada sen fío" e "non é unha persoa sen experiencia ou que descoñeza as normas que rexen a contratación pública".

A maiores, a edil do BNG destacou que se trata de "un proceso que demora 16 meses", polo que, na súa opinión, "é imposible que non fose obxecto de comentarios polas persoas implicadas da propia empresa, algunha con responsabilidades importantes na Executiva socialista".

"A quen beneficia ese contrato é algo sabido, a persoas do ámbito do socialismo e sindicalismo vinculadas ao PSOE. Non se trata de cuestións menores; non se pode entrar no 'e ti máis'", expuxo Goretti Sanmartín.

"SE SE DEMOSTRA, DEBE DIMITIR"

Neste contexto, a portavoz do Bloque afirmou que "se se demostrase que Bugallo coñecía os feitos, a súa dimisión ten que ser inmediata". En todo caso, reprochou que "non coñecelos nin preocuparse por eles non deixa de ter a súa gravidade".

"Este caso non é o de Javier Fernández, do núcleo opositor a Bugallo, senón que Pichel era dos seus, do seu círculo de proximidade, o que dificulta a versión de que o alcalde non sabía nada do asunto", sinalou.

Segundo a nacionalista, o que debe facer o PSOE é "escoitar o que pensa a rúa" e, engadiu, "o alcalde hoxe carece de credibilidade e é visto como un espectro do pasado, derrotado na xestión á fronte do Concello".

O CASO CHEGA AO PLENO

Ante esta situación, o BNG compostelán presentará unha iniciativa no pleno do xoves para solicitar que o goberno local cese calquera actividade con Desproi; que paralice o pago dos 49.852 euros que a xunta de goberno extraordinario do 30 de decembro "autorizou en beneficio desta empresa"; que saque a concurso público o aluguer dun local para situar de maneira provisional a brigada de Parques e Xardíns e o persoal de Medio Rural; e que faga públicos todos os informes relativos a este expediente.

Ademais, Goretti Sanmartín pediu que se dean "todas as explicacións sobre o ocorrido" e que "non pretendan pechar en falso esta crise cunha dimisión".

"É imprescindible que o PSOE pida explicacións sobre a armazón de empresas que aparecen vinculadas a este titular. Diferentes nomes, pero sempre coa mesma xente detrás. É algo moi grave. Esta crise de goberno aínda non finaliza, por moito que queiran facelo. O que pon en evidencia é unha maneira de proceder que desde o BNG rexeitamos con contundencia", sentenciou. Compostela Aberta tamén presentou unha interpelación para debater no pleno do próximo xoves na que cuestionarán ao goberno de Bugallo sobre este asunto.

O concelleiro compostelán José Manuel Pichel.
O concelleiro compostelán José Manuel Pichel. | Fonte: Europa Press

BUGALLO: "ESTE TEMA XA QUEDOU CLARO"

Ante estas acusacións e críticas, o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, volveu a insistir este luns en que este tema "xa quedou claro" coa intervención de José Manuel Pichel que "manifestou que sentía responsable por non informar dese tema".

"Non é o tema que toca hoxe", respondeu Bugallo a preguntas dos xornalistas nunha visita ao complexo polideportivo de Santa Isabel, incluído no programa de Impulso á Rehabilitación dos edificios públicos do plan de recuperación. "Xa quedou aclarado, unha, dous tres, catro, cinco e seis veces", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta